A robótica chegou á rapazada do rural do Salnés da man da Mancomunidade

venres, 21 de xullo do 2023 S. P.

Dentro do marco do proxecto Núcleos rurais sustentábeis do Salnés: espazos abertos á innovación, e con financiamento do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia), a Mancomunidade do Salnés puxo en marcha un proxecto piloto de lecer educativo, dirixido ao público infantil e adolescente, e cuxo obxectivo é o achegamento da rapazada ás novas tecnoloxías, así como iniciación á robótica educativa e á programación. Desta iniciativa beneficiáronse un total de 60 estudantes de Educación Infantil e Primaria.
A Mancomunidade buscou con este programa incentivar que a poboación do rural acceda aos mesmos servizos que a dos núcleos urbanos. Fíxose, coa implantación de dúas oficinas de información e formación sobre o uso de novas tecnoloxías, situadas en Meis e A Illa, e faise agora coa oferta de lecer infantil, tal como explicaba a presidenta da Mancomunidade, Marta Giráldez, alcaldesa de Meis.
No Facebook do Concello de Meis podemos ver unha pequena mostra das xornadas de robótica e novas tecnoloxías nas que a Mancomunidade do Salnés mergullou á cativada local nas novas tecnoloxías, na creatividade, na innovación e sobre todo nas vantaxes e beneficios da manipular e experimentar.

PUBLICIDADE