A robótica colaborativa na industria centra este xoves un obradoiro do Coworking Dixital Compostela

luns, 2 de outubro do 2023 S. P.

O Coworking Dixital Compostela organiza este xoves 5 de outubro un obradoiro sobre metodoloxías maker e sobre o seu potencial empresarial. A xornada A robótica colaborativa na industria moderna comeza ás 12.00 horas do xoves en formato online e terá unha duración de 2 horas. Nesta sesión realizarase unha introdución ao concepto de robótica colaborativa e os seus accesorios, vendo as súas características principais e as súas diferenzas coa robótica industrial.
Presentaranse aplicacións destas metodoloxías abertas e cooperativas en todos os sectores.
Esta sesión será impartida por Aitor Fernández García, enxeñeiro superior industrial e eléctrico pola Universidade de Vigo. Actualmente encárgase do soporte técnico e vendas dos robots de Universal Robots e MIR para a zona Noroeste de España e ten ampla experiencia en servizo ós clientes e soporte técnico para a resolución de incidencias.
A xornada está dirixida a persoas emprendedoras e startups; persoas autónomas e profesionais que queiran lanzar con éxito novas propostas ao mercado; e pemes, micropemes e empresas do territorio que queiran deseñar novos modelos ou liñas de negocio.

PUBLICIDADE