A robótica será o eixe temático do vindeiro faladoiro dixital do CPEIG en Lugo

xoves, 13 de outubro do 2016 Redacción

A semana que vén teremos en Lugo unha nova oportunidade de coñecer as moitas e variadas oportunidades laborais que abren as novas tecnoloxías da información. Falamos do novo faladoiro dixital que preparan o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) e a axencia AMTEGA para o martes 18 de outubro. A actividade, inserida na campaña 1 mes, 1 profesión dixital (profesionsdixitais.org), centrarase nas posibilidades de empregabilidade e desenvolvemento curricular e profesional que abre robótica. Desenvolverase na aula CeMIT da cidade de Lugo, situada na Praza do Castiñeiro, de 10.00 a 14.00 horas.
Tras a benvida institucional, a cargo dun representante do CPEIG, intervirá o profesor titular da Universidade de Vigo, José Ignacio Armesto; o xerente e director comercial de Unimate Robótica, Cástor González, e Hugo Barreiro, coordinador de ASIME 4.0 (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia). Un debate aberto ao público pechará este faladoiro dixital ao redor da robótica.
As persoas interesadas en asistir poden inscribirse xa de balde no enderezo eventos@cpeig.gal e a través da web profesionsdixitais.org, onde tamén atoparán información do programa e dos relatores.

PUBLICIDADE