A rodaxe en Vigo da serie Marusía recibe a visita de José López Campos

xoves, 10 de abril do 2025 S. P.

A serie de televisión Marusía. Vientos de honor fílmase estes días no recinto da antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada, en Vigo, onde o equipo de rodaxe recibiu este 10 de abril unha visita de varios representantes institucionais, entre os que se atopaba o conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, o director da axencia AGADIC, ou a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, entre outras/os.
A Xunta subvenciona con 300.000 euros a rodaxe en Galicia desta nova produción da produtora de contidos Mediaset España, ambientada na Escola Naval Militar de Marín e con diferentes localizacións na provincia de Pontevedra.
A visita incluíu un percorrido polo set de rodaxe guiada polos responsábeis de Mediaset e das outras dúas produtoras implicadas no proxecto: Unicorn Content e a compañía galega CTV, beneficiaria da devandita axuda autonómica para a súa participación nesta rodaxe.
López Campos felicitounos polo avance dos traballos, ao tempo que lles agradeceu ter escollido a nosa Comunidade para o desenvolvemento dos oito episodios desta serie de ficción que será programada no prime time de Telecinco.
O conselleiro tamén tirou proveito desta visita á rodaxe para felicitar ao cineasta galego Oliver Laxe e a director Carla Simón, cuxos filmes, Sirat e Romería, competirán pola Palma de Ouro do Festival de Cannes. “Celebramos un fito sen precedentes para o noso audiovisual”, salientou o conselleiro, quen destacou que “por primeira vez na historia”, dúas películas producidas ou filmadas en Galicia están seleccionadas neste prestixio certame internacional, “e as dúas con apoio da Xunta”, apuntou.
O apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude á serie Marusía materialízase a través da liña de subvencións para a atracción de rodaxes a Galicia, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027. Este fondo, do que proximamente se lanzará a convocatoria de 2025, ten como obxectivo impulsar a proxección da nosa Comunidade como escenario de producións audiovisuais lideradas tanto por empresas de aquí como do resto de España e Europa, co conseguinte impacto económico tanto nas localidades que acollen as rodaxes como no conxunto da industria audiovisual galega. Neste sentido, os 2.000.000 euros cos que se dotou en 2024 foron adxudicados a sete proxectos: ademais de Marusía, as longametraxes Romaría, Rondallas, Dímelo bajito e Me has robado el corazón máis as series Garbo e Clanes.
No caso de Marusía, os traballos de gravación comezaron a finais de marzo e están a ter lugar tanto na propia Escola Naval Militar de Marín como noutras localizacións deste concello e do resto da provincia de Pontevedra.
Esta creación de Ignacio del Moral, Begoña Álvarez e Laura Belloso está protagonizada por Lucía Jiménez e Alfonso Bassave, á cabeza dun reparto que conta con 25 actrices e actores galegos, como Paloma Stewart, Darío Loureiro, Nacho Castaño, Iria Parada, Alejandra Granell, Dani Trillo ou María Mera.