A saga Metal Gear Solid remata con The Phantom Pain

martes, 1 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Cando no ano 1987 chegou a ordenadores MSX2 o xogo Metal Gear resultaba difícil prever que estariamos ante un título que desembocaría nunha importante franquía, da que o seu principal expoñente é a saga Metal Gear Solid nacida en PlayStation en 1998 e que hoxe podería chegar á súa conclusión, xa que sae á venda a que parece que será o último xogo da franquía desenvolvido coa participación do seu deseñador, Hideo Kojima. Se ben poderán seguir saíndo máis xogos da franquía, ao parecer Konami está a abandonar o desenvolvemento de grandes xogos para consola, centrando a súa actividade en títulos para dispositivos móbiles, que precisan dun investimento moi inferior, conseguindo un bo retorno do investimento cun risco moi inferior.
Metal Gear Solid V: The Phantom Pain sitúa a acción 9 anos despois de Metal Gear Solid V: Ground Zeroes, con Snake Big Boss espertando dun coma en 1984, en plena Guerra Fría, cunha crise mundial na que non faltan armas nucleares. Nese contorno Snake funda un novo exército privado e volve á loita para enfrontase ao grupo clandestino XOF.
Este xogo supón un importante cambio para a franquía, xa que supón a súa estrea no xénero do mundo aberto, aínda que sen deixar completamente de lado a súa habitual narración cinemática. Grazas ao uso de Fox Engine os gráficos son realmente magníficos, especialmente nas consolas de nova xeración.
Dende hoxe Metal Gear Solid V: The Phantom Pain está dispoñible para a súa compra por 59,90 euros nas súas versións para PC, Xbox 360 e PlayStation 3; mentres que para Xbox One e PlayStation 4 o seu prezo é de 69,99 euros. Nas tenda tamén están dispoñibles un par de lotes de consolas PlayStation 4 co novo xogo.

Tráiler de lanzamento de Metal Gear Solid V: The Phantom Pain

PUBLICIDADE