A saga de Assassin’s Creed terá un novo xogo para Xbox 360 e PS3

mércores, 6 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Para non deixar abandonados aos usuarios de consolas da anterior xeración, Ubisoft anunciou que a franquía de Assassin’s Creed terá un novo xogo para eles, que continuará a historia norteamericana de Assassin’s Creed III e Assassin’s Creed IV: Black Flag, no que promete ser o capítulo máis escuro da franquía protagonizado por Shay Patrick Cormac, un membro da Orde que tras verse traizoado decide vingarse, despoxándose da capucha de Assassin e adoptando o rol de Templario, perseguindo e asasinando aos que antes eran os seus compañeiros.
Assassin’s Creed Rogue desenvolverase polo Atlántico norte, polo Val do Río Apalache e até New York, territorios polos que Shay cazará a membros da orde dos Assassins. O xogo tamén presentará novas armas e un novo navío, The Morrigan, de xeito que tamén recuperará a xogabilidade naval tan ben recibida nos xogos anteriores.
Este novo xogo está a ser desenvolvido por Ubisoft Sofía, en colaboración cos estudios da compañía en Singapur, Montreal, Quebec, Chengdu, Milán e Bucarés, e será exclusivo para Xbox 360 e PlayStation 3. O seu lanzamento será o 11 de novembro.


Trailer de presentación de Assassin’s Creed Roge

PUBLICIDADE