A santiaguesa Linknovate amosa éxitos na xira europea de emprendedores de Fiware

luns, 15 de febreiro do 2016 Fernando Sarasketa

A empresa compostelá Linknovate, gañadora da primeira convocatoria da aceleradora de proxectos TIC Fiware Finodex, vai expor o seu caso de éxito nun evento referencial a nivel europeo dentro do ámbito das novas tecnoloxías sen cancelas (Open Data). Falamos da xira Fiware Roadshow Open Data for European Entrepreneurs, que vai celebrar o vindeiro 2 de marzo unha das súas escalas en Iruña (Pamplona) xuntando arredor de 150 especialistas en coñecemento aberto procedentes de toda Europa. A iniciativa vén da man da aceleradora de proxectos tecnolóxicos Fiware Finodex, financiada pola Comisión Europea e liderada pola firma Zabala. A empresa, precisamente, será a encargada de organizar a devandita etapa en Iruña da xira europea Fiware, dirixida sobre todo a emprendedores e empresas do sector TIC.
Como dixemos, nesta recalada estatal do itinerario europeo participará arreo Linknovate, situada en Santiago de Compostela. A empresa desenvolveu Linknovate Innovation Search Engine, unha tecnoloxía de intelixencia competitiva, baseada nun motor de procura que axuda aos equipos de fabricación e de I+D nas empresas a atopar tecnoloxías e socios. Linknovate foi ademais a primeira finalista de Fiware Finodex, competindo con outros 196 proxectos, e polo que recibiu un financiamento de 170.000 euros.
Volvendo á xira, sinalar que baixo o epígrafe Open Data for European Entrepreneurs, o evento servirá para dar a coñecer o ecosistema Fiware perante unhas 150 persoas interesadas na innovación, o emprendemento, os datos abertos e as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Será de balde e en inglés. Á cita acudirán emprendedores de toda Europa para expor e debater sobre os últimos casos de éxito de proxectos que utilizaron tecnoloxías Fiware así como a relación que os datos abertos teñen co mundo do emprendemento a nivel europeo.
Segundo nos contan dende Zabala, está previsto que na apertura da xornada participe Ragnar Bergstrom, xefe de Sector en DG Connect da Comisión Europea. Así mesmo, o coordinador do proxecto Finodex, Miguel García, presentará ao público a evolución da que sería, nas súas palabras, “a primeira aceleradora mundial en apoiar proxectos empresariais utilizando datos abertos e que contou con 500 solicitudes para entrar na súa proceso de aceleración”.
Un dos relatorios principais virá da man Alberto Abella, que se centrará en datos abertos e novos negocios. É director asociado de Brain Trust CS, e responsábel para esta organización de desenvolver as liñas de Citizen Experience e de Goberno Aberto e Open Data. No terreo académico, é profesor asociado na Universidade Rei Xoan Carlos, e realiza o seu doutoramento sobre o impacto económico dos datos abertos e o goberno aberto, especialmente no ámbito das Cidades Intelixentes.

JPEG - 24.1 KB
O equipo de Linknnovate

Asemade, presentaranse os casos de éxito das novas firmas Linknovate, Xpressomics, e Fruitwatcher (Geezar), que como dixemos resultaron finalistas da primeira convocatoria de proxectos de Finodex, recibindo cada unha delas até 170.000 euros de fondos europeos para pór en marcha os seus proxectos.
Doutra banda, algúns dos representantes das outras 16 aceleradoras Fiware financiadas pola Comisión Europea presentarán a evolución dos programas de aceleración e os plans de futuro. Para iso contarase con Ingrid Willems (Creatifi) Francisco Buján (Fabulous) e Rasmus Pedersen (Finodex), entre outros, nun panel de debate moderado por Fernando Rico de CDTI. Francisco Marín, director xeral do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), participará na xornada cunha conferencia dedicada á innovación desde o sector público. Tamén, Juanjo Hierro, de Telefónica, falará das recentes novidades ao redor de Fiware e do futuro da iniciativa. A xornada pecharase coa presentación da International Open Data Conference, que este ano celebrarase en Madrid no mes de outubro. Segundo engade Zabala, esta conferencia é segunda dúbida “o evento máis importante a nivel mundial sobre a materia”.
Lembrar que Finodex é unha das 16 aceleradoras financiadas pola Comisión Europea para apoiar aqueles proxectos de PEME e emprendedores baseados en datos abertos e en tecnoloxías Fiware, co obxectivo de xerar novos produtos e servizos TIC. Finodex está integrada nun consorcio formado por outros 6 socios europeos. A través de dúas convocatorias, Finodex escolleu xa máis dun centenar de propostas innovadoras (cada unha delas obtén entre 10.000 e 170.000 euros de financiamento). Para iso, co apoio consorcio, superan diferentes fases nas que presentan a súa idea de negocio a futuros investidores. En total, vanse investir 4,64 millóns de euros en apoiar os proxectos seleccionados.

PUBLICIDADE