A saúde dos datos centrou unha sesión da Cátedra CAMELIA no Fórum RIES 2025
luns, 20 de outubro do 2025
A Cátedra USC-Plexus en Intelixencia Artificial aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA) aproveitou a súa participación no Fórum RIES 2025, celebrado na Illa da Toxa, no que organizou a mesa redonda A saúde dos datos, para lanzar unha mensaxe clara: a transformación dixital non depende unicamente da tecnoloxía senón, sobre todo, do talento necesario para aplicala con criterio e visión estratéxica.
No encontro, moderado pola secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, participaron destacadas voces do ámbito sanitario e tecnolóxico a nivel nacional. Entre elas, a directora xeral de Saúde Dixital e Sistemas de Información para o Sistema Nacional de Salud, Noemí Cívicos; o director de Transformación da Atención Sanitaria de GSK, Pablo Hervás; o director executivo de Sanidade e Servizos Sociais de Plexus Tech, Martín López; Pilar Borraz, directora de xerencia de Atención Primaria da Consejería de Sanidad do Goberno de Aragón e a secretaria académica da Cátedra USC-Plexus, María José Carreira.
Durante a sesión, abordáronse temas clave como a situación actual dos datos sanitarios en España, os avances e desafíos en materia de interoperabilidade e a importancia da formación como motor dunha transformación dixital efectiva e centrada nas persoas. Neste contexto, María José Carreira, como representante da Cátedra, destacou a necesidade de “formar para convencer”, poñendo o foco en adaptar tanto o contido como as ferramentas aos distintos perfís profesionais do sistema sanitario, desde os máis receptivos ata aqueles máis reticentes ao cambio tecnolóxico.
Na análise sobre o diagnóstico do estado de saúde dos datos no noso sistema sanitario, Carreira aproveitou para achegar o propósito de CAMELIA, unha das 21 cátedras financiadas no marco da Estrategia Nacional de Inteligencia Artificial (ENIA), e unha das tres centradas en saúde onda as de Xirona e Málaga: fomentar a formación, investigación, transferencia, asesoría e difusión da IA no ámbito da saúde, con especial foco na medicina personalizada de precisión.
Tal e como subliñou Carreira durante a súa intervención, entre as súas iniciativas destacadas, CAMELIA xa desenvolveu un curso piloto xunto con ACIS para persoal do SERGAS, e en datas vindeiras lanzará unha formación específica para o alumnado de Medicina. Tamén colabora na proposta galega para a Factoría de IA da Unión Europea, unha aposta estratéxica para consolidar Galicia como referente no uso ético e efectivo da IA en saúde.
A interoperabilidade dos sistemas sanitarios foi outro dos aspectos tratados no encontro. Destacouse que, desde o establecemento do marco regulamentario do Espazo Europeo de Datos Sanitarios (EHDS), producíronse avances significativos, con todo, tamén se subliñou que “a verdadeira interoperabilidade non depende exclusivamente da tecnoloxía, senón do talento humano capaz de aplicala de forma estratéxica”.
Recalcouse que non é necesario impoñer unha única historia clínica electrónica, “senón establecer un conxunto de parámetros comúns que todas as plataformas deben cumprir; a tecnoloxía para facelo xa existe, pero necesítase investimento en infraestruturas e, sobre todo, en formación de persoal cualificado que poida liderar e aplicar estes cambios”.
Finalmente, lembrouse que o potencial dos datos sanitarios reside non só no seu volume ou dispoñibilidade, senón na capacidade de convertelos en coñecemento útil para a toma de decisións clínicas, organizativas e estratéxicas.
