A sección Cosmos de Curtocircuíto reunirá 21 filmes de 16 países

luns, 22 de xuño do 2026 S. P.

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela a través de Compostela Cultura, completou a presentación da súa programación coa sección oficial Cosmos e cos xurados que decidirán o palmarés desta vixésimo terceira edición.
A concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Míriam Louzao; o deputado de Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña Xosé Lois Penas; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; e o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo, presentaron os últimos contidos dunha edición que se celebrará entre o 30 de xuño e o 5 de xullo.
Durante seis xornadas, Santiago de Compostela volverá converterse nun espazo de encontro para o cinema contemporáneo e a creación audiovisual internacional. A programación desta edición abrangue as seccións competitivas Cosmos, Planeta GZ e Supernova; os focos dedicados a Lawrence Lek e Gala Hernández López; a entrega do Premio Curtocircuíto Atlas á cineasta francesa Marie Losier; a sección Terra, dedicada ao arquitecto, cineasta e fotógrafo Tono Mejuto; e o ciclo Psicoxeografías, que este ano conectará cinema, territorio e performance audiovisual.
O festival completará a súa proposta cun programa de concertos audiovisuais e estreas en diferentes espazos da cidade, con artistas como Ryoichi Kurokawa, Marta Verde e José Venditti, Los Sara Fontan e Tamara de la Fuente, Arvin Dola e Irene Gaumé ou Artur M Puga e Sevi Iko Dømochevsky. Ademais, Curtocircuíto ofrecerá encontros con creadoras e creadores como Marie Losier, Lawrence Lek, Gala Hernández López, Ricardo Cases, Marta Echaves ou Aleix Plademunt, así como dúas novas residencias artísticas de fotografía protagonizadas por Manuela Lorente e Ricardo Cases.

Sección Cosmos

Presentación de Curtocircuíto no Obradoiro

Segundo explicaron, o cinema continúa sendo o eixe principal de Curtocircuíto. Nesta nova edición, Curtocircuíto presenta un total de 21 filmes procedentes de 16 países que conforman a sección oficial Cosmos. No festival, o público poderá viaxar a través de obras chegadas de Nova Zelandia, Irán, China, Estonia, Sudáfrica, Estados Unidos, Suíza, Alemaña, Austria, Francia, Bélxica ou Macedonia do Norte, entre outros territorios que compoñen un mapa plural e en constante transformación.
A selección inclúe ficción, documental, animación e obras híbridas que exploran os límites da linguaxe audiovisual contemporánea. Nesta última liña, dentro da Sección Oficial o festival destaca sete traballos que manteñen vivo o espírito de Explora, unha das seccións históricas de Curtocircuíto. Son The Tragic Movement of the Spheres de Simon Rieth (Francia), Datna Éclat de Tina Frank (Austria), où la nuit tombe un bruit sourd de Sophie Watzlawik (Alemaña, Austria), A Flock of Rotations de Jung An Tagen (Austria), This Arrow Points de Siegfried A. Fruhauf (Austria), A Thousand Waves Away de Helena Wittmann (Alemaña) e Sie puppt mit Puppen de Karin Fisslthaler (Austria).
Cosmos recolle ademais obras narrativas como When the Geese Flew de Arthur Gay, unha historia sobre os vínculos familiares e a adolescencia; Loynes de Dorian Jespers, un insólito drama xudicial ambientado no Liverpool do século XIX; ou 1:10 de Sinan Taner, unha reflexión sobre os mecanismos da violencia e a tensión social.
Destacan tamén Sawyer Avenue, Sunday Afternoon de Bill Morrison, unha mirada á deriva autoritaria dos Estados Unidos contemporáneos; Spray and Pray de Veneta Androva, sobre as novas economías da desinformación dixital; ou Singing of the Evening Stars de Iris Sang, unha experiencia sensorial en Los Ángeles que conecta territorio e memoria. Outros títulos son As I Lay Dying de Mohammadreza Farzad e Pegah Ahangarani (Irán) e This Suffocating Now de Vika Kirchenbauer (Alemaña).
Completan a sección Vultures de Dian Weys (Sudáfrica, Francia) e Deus é tímido de Jocelyn Charles (Francia).
A representación do cinema estatal chega da man de propostas como Stallion y la bola de cristal de Christian Avilés, Vegetare de Adrià Expòsit-Goy, Abortion Party de Julia Mellen e like moths to light de Gala Hernández, entre outras.

Lawrence Lek e Gala Hernández

O director Lawrence Lek

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto contará ademais coa presenza de dúas das voces máis singulares do audiovisual contemporáneo: Lawrence Lek e Gala Hernández López. A través da ficción especulativa, a simulación dixital ou o desktop documentary, ambos cineastas analizan as transformacións tecnolóxicas, políticas e afectivas do presente, segundo confirmou o Concello.
Lawrence Lek, artista, cineasta e músico nacido en Frankfurt en 1982, desenvolve unha obra situada entre o cinema, os videoxogos e a instalación inmersiva. As súas pezas imaxinan futuros marcados pola automatización e o dominio do algoritmo, convertendo intelixencias artificiais, cidades intelixentes ou corporacións ficticias nos protagonistas das súas narracións.
O foco dedicado ao autor estrutúrase en dúas sesións de proxeccións e dúas charlas. A primeira das proxeccións, Introdución ás ficcións especulativas, reúne as pezas Nøtel, Nepenthe, Farsight Corporation Launch Trailer, Play Station e 2065, títulos que introducen o universo corporativo e especulativo de Lek e exploran a construción de mundos virtuais como espazos narrativos.
A segunda sesión estará dedicada á súa celebrada saga Smart City Series, coas obras Black Cloud, Empty Rider, Guanyin e NOX e profunda nos mundos ideados na primeira sesión. Nestes filmes, Lek propón paisaxes posteriores á civilización humana onde intelixencias artificiais errantes reflexionan sobre identidade, propósito ou soidade nun contexto de automatización total.
A visita de Lek completarase cunha charla, A metodoloxía de Lawrence Lek: sound & vision, arredor do seu proceso creativo como cineasta e produtor musical, na que afondará nas relacións entre deseño sonoro, imaxe dixital e construción de mundos virtuais, así como nas súas colaboracións con figuras como Kode9, Seth Scott u Oliver Coates. O artista participará ademais nun diálogo coa cineasta Gala Hernández López, Algoritmo sobrealimentado: un diálogo especulativo sobre un colapso anunciado, arredor do impacto das tecnoloxías contemporáneas, o capitalismo algorítmico e os futuros cara aos que parecen conducir as dinámicas sociais e afectivas do presente.

Gala Hernández

Segundo explican dende o Concello de Santiago, Gala Hernández López (Murcia, 1993) converteuse nunha das ensaístas máis relevantes da creación audiovisual contemporánea europea. O seu traballo investiga as comunidades dixitais e as novas formas de alienación, vulnerabilidade ou desexo que emerxen na Internet.
O foco, Gala Hernández López: incels, criptotraders e outras fantasías virtuais, primeiro en Galicia cos seus catro títulos, dedicado á cineasta permitirá achegarse a obras fundamentais da súa traxectoria recente. La mecánica de los fluidos (2022), recoñecida co Premio César da Academia Francesa, analiza as comunidades incel e as dinámicas de frustración, masculinidade e soidade que proliferan na rede. Pola súa banda, For Here Am I Sitting in a Tin Can Far Above the World (2024) aborda as promesas de inmortalidade e transcendencia ligadas ás comunidades extropianas e á crioxenia. Pola súa banda, +10K (2025) mergúllase no universo dos criptotraders para observar os mecanismos de especulación e os desexos de enriquecemento rápido baixo o capitalismo de plataforma.
Ademais, a súa película máis recente, like moths to light (2026), formará parte da Sección Oficial Cosmos de Curtocircuíto na que será a súa estrea en Galicia. O filme propón unha reflexión sobre o neurocapitalismo e as tecnoloxías destinadas a descodificar e monetizar o pensamento humano, levando a investigación da cineasta cara aos límites entre tecnoloxía, intimidade e control.
Ambos os autores participarán tamén nun encontro conxunto arredor do estado actual do mundo dixital e os futuros cara aos que parecen conducir as dinámicas tecnolóxicas contemporáneas. Os creadores actúan como arqueólogos das crises existenciais, políticas e afectivas que definen a nosa era hiperconectada.