A secretaria de Estado de Universidades e I+D+i visita a sede de Optare en Vigo
mércores, 5 de xuño do 2019
A
sede
en Vigo da compañía Optare Solutions, referente en integración de
sistemas en operadores de telecomunicacións, recibiu hoxe a visita
da secretaria de Estado de Universidades, Investigación,
Desenvolvemento e Innovación, Ángeles Heras Caballero. A
estadía da titular de I+D+i no Goberno central veu acompañada do
delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades.
A
visita incluíu unha visita ás dependencias centrais de Optare no
Parque Tecnolóxico de Vigo e máis a presentación das principais
liñas de traballo da compañía, moi centrada en proxectos
innovadores do ámbito do 5G.
A
secretaria foi recibida por Luis Sestelo, director executivo do
grupo, Luis Alves, director xeral de Optare Solutions EMEA, e Xosé
Ramón Sousa, líder tecnolóxico de Optare Labs, a unidade de
investigación e desenvolvemento da firma galega.
Entre
os ámbitos de traballo que máis espertaron o interese de Ángeles
Heras situáronse as iniciativas de Optare no eido do estándar 5G, a
tecnoloxía chamada a revolucionar radicalmente o noso xeito de
comunicarnos (entre nós, entre nós e as máquinas, entre nós e os
obxectos, etc). A titular de I+D+i tamén salientou o potencial dos
proxectos da compañía galega en materia de optimización da
calidade da experiencia entre os usuarios de telecomunicacións.
Amais, a secretaria de Estado destacou os avances tecnolóxicos
desenvolvidos por Optare, apoiados na longa experiencia (17 anos) da
corporación galega no sector teleco, unha experiencia
cimentada no seu traballo con máis de 30 operadoras de todo o mundo.
Luis
Sestelo apuntou que “é un orgullo para Optare recibir nas nosas
instalacións personalidades tan destacadas como de Ángeles Heras,
que non fai senón constatar o interese na nosa compañía e as súas
actividades por parte dos actores e autoridades máis relevantes en
materia de innovación”.