A sede electrónica da Xunta renovarase este trimestre

martes, 16 de xaneiro do 2018 Redacción

Esta mañá na inauguración do seminario Modernización Dixital das Administracións Públicas en Galicia a directora da AMTEGA, Mar Pereira, adiantou que durante o primeiro trimestre do ano a Xunta porá en marcha unha nova sede electrónica, centrada nos servizos ao cidadán, adaptada a un mellor uso dende dispositivos móbiles e con posibilidades de personalización en función do perfil do cidadán ou empresa.
A Xunta de Galicia vén traballando na transformación dixital da Administración desde o ano 2010 cun Plan de Modernización que permitiu á Comunidade chegar á entrada en vigor das novas leis estatais 39 e 40/2015 coas principais pezas dunha administración integramente dixital en marcha e adiantarse, incluso, a algunhas das esixencias que estaban marcadas para 2018. É o caso do Arquivo Electrónico ou da posta en marcha da dixitalización do Rexistros Xeral e das Delegacións provinciais da Xunta.
A máxima responsable da política tecnolóxica da Xunta lembrou hoxe que o Goberno galego iniciou o pasado ano a elaboración da Lei de Administración dixital de Galicia, que se prevé aprobar en 2018 e que dotará á Comunidade dun marco normativo único que eliminará a dispersión normativa existente, potenciará un novo modelo de complementariedade entre administracións e permitirá ofrecer nunha maior eficacia, eficiencia e simplificación dos procedementos.
Entre as medias máis inmediatas do Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020, a directora da AMTEGA sinalou o inicio da reformulación das Oficinas de rexistro como oficinas de atención, que facilitarán a relación de cidadán e empresas coa administración a través dos medios dixitais; a posta en marcha a figura do funcionario habilitado e o rexistro de apoderamentos, que posibilitarán a autorización dunha persoa ou funcionario para realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa.

Dixitalización no eido do Mar

Ademais, a xornada contou coa participación do xerente do SERGAS, Antonio Fernández-Campa e da directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, falando esta última da modernización dixital no eido do mar e do traballo da plataforma tecnolóxica da pesca, un proxecto da Xunta que se materializa na web pescadegalicia.gal e que facilita ferramentas de xestión ao sector e información sobre o eido marítimo-pesqueiro.
Neste sentido, a directora xeral explicou que a plataforma ofrece unha serie de servizos aos sectores produtivos e comercializadores, para servirlles de apoio na xestión dos recursos pesqueiros e na súa rastrexabilidade, en concordancia coas esixencias legais existentes. Ademais, este espazo inclúe datos do rexistro de buques pesqueiros, estatísticas de pesca fresca en Galicia, de acuicultura e outra información de interese sobre o sector e para o sector como os tamaños mínimos autorizados para a extracción de especies ou o calendario de mareas.
Outro proxecto da Consellería do Mar que destacou a directora xeral é o dos caixeiros automáticos Ticpesc, instalados nos portos pesqueiros e que permiten ao sector realizar diversas xestións e consultas relacionadas coa súa actividade as 24 horas do día durante os 365 días do ano. A través destes caixeiros, sinalou Mercedes Rodríguez, no 2017 o sector emitiu preto de 66.800 documentos da actividade pesqueira (documentos de transporte, de orixe e de rexistro, entre outros).

PUBLICIDADE