A semana que vén podería chegar ao mercado unha tableta 5G de Xiaomi

mércores, 22 de abril do 2020 Marcus Fernández

Aínda que hai anos Xiaomi era un fabricante moi relevante no sector das tabletas con Android, este tipo de produto perdeu moito peso no seu catálogo, e para ver as últimas tabletas temos que ir a hai un par de anos, cando chegaron ao mercado as Mi Pad 4, e agora semella que a compañía trasladará esta gama de produtos á súa marca económica, Redmi, se atendemos á filtración do Redmi Pad 5G.
Falamos dunha tableta que presentarían o vindeiro día 27 e que contaría cun procesador Qualcomm Snapdragon 765G con conectividade 5G, pantalla cunha velocidade de refresco de 90 Hz, 4 altofalantes, cámara graseira de 48 Mpíxeles, batería con carga rápida de 30 watts, unha versión adaptada a tabletas de MIUI 12 e un prezo realmente competitivo: 1.999 iuans (261 euros).
O lanzamento desta tableta podería ser moi interesante xa que introduciría o concepto de tabletas económicas con 5G, o que resulta moi interesante para usuarios que consumen contidos en mobilidade e que queren gozar das últimas tecnoloxías ou, simplemente, mercar un dispositivo móbil coa previsión de que vaia durar bastantes anos. De confirmarse a filtración tamén quedaría pendente de ver se o produto chegaría oficialmente a Europa, o que sería unha agradable sorpresa, xa que sería a estrea oficial das tabletas de Xiaomi no noso territorio.

PUBLICIDADE