A semana que vén presentaranse os xogos cos que a PS5 estreará xeración de consolas

venres, 29 de maio do 2020 Marcus Fernández

Sony está a tomar con moita calma a presentación da futura PlayStation 5, resistíndose a amosar o deseño que terá a consola, pero do que si promete un avance é dos seus videoxogos, para o que o vindeiro xoves ás 22:00 horas convoca un evento no que quere avanzar o que será o futuro dos videoxogos.
As consolas PlayStation levan máis de 25 anos no mercado, e pese a que moitos vaticinaban que a presente xeración de consolas domésticas sería a derradeira, compañías como Sony e Nintendo demostraron que o xogo móbil non é dabondo para facer desaparecer os videoxogos tradicionais, e a expectación ao redor da PS5 ratifica o interese dos xogadores en facer evolucionar a súa forma favorita de lecer electrónico.
Polo momento xa sabemos como será o mando DualSense da PS5, pero a ninguén se lle escapa que o máis importante das consolas son os seus xogos, e a presentación dixital que terá lugar a semana que vén será o escenario escollido para o primeiro grande avance do catálogo da PlayStation 5. O evento dixital terá unha duración de algo máis dunha hora, podendo realizarse o seguimento desta presentación nas canles de YouTube e Twitch de PlayStation.

PUBLICIDADE