A serie Os Argonautas e a moeda de ouro estrea a súa versión galega na CRTVG

venres, 12 de xaneiro do 2024 S. P.

O Auditorio Abanca de Santiago deu acollida á preestrea da versión en galego da serie infantil Os Argonautas e a moeda de ouro, coprodución da compañía coruñesa Portocabo e RTVE e que poderá verse a partir do 17 de xaneiro na nova plataforma dixital da CRTVG. Na preestrea participaron o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o director da axencia galega ADADIC, Jacobo Sutil. A serie, rodada en Laxe e A Coruña, inclúe 20 episodios e foi subvencionada pola Xunta de Galicia con 350.000 euros a través do fondo para a atracción de rodaxes do Hub Audiovisual galego.
Á cita tamén asistiron o produtor executivo, Alfonso Blanco; a súa directora, Lucía Estévez, e o director de contidos de CRTVG, Fernando Ojea. Estiveron acompañados por unha ampla representación do elenco, do que forman parte Eva Fernández, Federico Pérez Rey e os intérpretes noveis Aliyah Fidalgo, Sarela Montes, Brais Sixto, Claudia Pujaldes, Juan Rodríguez, Lúa Varela ou Xoel Río.
O titular de Cultura do Goberno galego subliñou na súa intervención a oportunidade de “poder gozar da serie na nosa lingua na nova plataforma de TVG” e “poder apreciar o talento de todo o reparto e do equipo técnico de Portocabo”, circunstancia á que se referiu como “un novo fito a cargo dunha produtora que continúa facendo historia do audiovisual en Galicia”.
Diante do grupo de case que 200 nenas e nenos convidados ao evento, aos que animou a sumarse ás aventuras vividas polos xoves protagonistas, destacou que Os Argonautas e a moeda de ouro tratase temas “indispensábeis hoxe en día, como o traballo en equipo e a tolerancia, ademais de poñer o foco nun aspecto fundamental para a cultura como é a preservación do patrimonio”.
Román Rodríguez destinou, así mesmo, unhas palabras a agradecer e felicitar o traballo concreto de Portocabo, Premio da Cultura Galega 2023, e de todo o sector audiovisual galego en xeral “polo momento de esplendor que atravesa hoxe”.
Neste pase especial proxectáronse os tres primeiros episodios de Os Argonautas, que puideron ser seguidos tamén con subtítulos accesíbeis para persoas xordas, en sintonía cos valores de inclusión e diversidade que promove a serie.
Ademais da súa chegada á CRTVG, a canle estatal Clan retoma a emisión da serie a partir deste sábado 12 de xaneiro coa programación dos seus 10 últimos capítulos os sábados e domingos ás 20,00 horas. A primeira quenda da serie puido verse xa nesta mesma canle de RTVE desde xuño de 2023 e tamén está dispoñíbel na súa plataforma en liña.
Dirixida por Lucía Estévez e Toño López, Os Argonautas e a moeda de ouro presenta unha historia integradora que segue as aventuras estivais dun grupo de amigos con realidades moi diversas. A cooperación entre todos será a clave do seu éxito á hora de enfrontar os moitos perigos, misterios e dificultades que se lles presentarán durante o verán e grazas aos que estreitarán a súa amizade e medrarán como persoas.
A coprodución entre Portocabo e RTVE conta co apoio da Televisión de Galicia e do Hub Audiovisual da Xunta, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), así como coa colaboración dos Concellos de Laxe e A Coruña.