A serie de podcasts sobre a natureza Planeta Ledo, no Portal da Lingua

martes, 18 de outubro do 2022 S. P.

O Portal da Lingua da Secretaría Xeral de Política Lingüística ofrécenos estes días novos contidos dixitais feitos dende a nosa terra para afondarmos no coñecemento do medio natural que nos rodea. Trátase da serie Planeta Ledo, un ciclo de dez programas en formato podcast sobre diferentes aspectos da natureza gravados polo alumnado do CEIP de Ventín (Ames), cuxas clases colaboraron na confección de todos os capítulos (cada aula un programa). Os arquivos sonoros resultantes foron guiados por dúas presentadoras: Xiana Fernández-Albor e máis Mariana Expósit.
O obxectivo da serie consistiu en poñer en valor o respecto polo medio natural e ofrecer á rapazada (nenas e nenos de idades comprendidas entre os sete e os doce anos) formatos atractivos e interesantes de lecer e aprendizaxe científica. A serie foi realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais en Lingua Galega Xacobeo 2021-2022, da Secretaría Xeral de Política Lingüística.