A serie galega Rapa volve a MovistarPlus+
xoves, 15 de xuño do 2023
O
Teatro
Jofre de Ferrol acolleu na tarde de onte a estrea
da segunda temporada de Rapa, serie de Portocabo para
MovistarPlus+ que regresa á emisión na plataforma de vídeo en
streaming trala rodaxe en outono na cidade departamental co
apoio da Xunta.
Os
seis capítulos que conforman a nova entrega desta ficción, ideada
polos galegos Pepe Coira e Fran Araújo con produción a cargo da
produtora coruñesa Portocabo, contaron para a súa gravación cunha
contribución económica da Consellería de Cultura, Educación, FP e
Universidades de 300.000 euros procedentes do fondo de atracción de
rodaxes do Hub Audiovisual galego.
No
pase participaron o director da Axencia Galega das Industrias
Culturais, Jacobo Sutil, a delegada territorial da Xunta en Ferrol,
Martina Aneiros, os actores Javier Cámara e Mónica López, e os
directores-guionistas Pepe e Jorge Coira e Fran Araújo. Tamén
acudiu boa parte do equipo actoral galego, formado por (entre
outras/os) Evaristo Calvo, Melania Cruz, Iolanda Muíños, Carlos
Blanco, Darío Loureiro, Chisco Amado, Adrián Ríos, Lara Boedo ou
Federico Pérez.
Na
súa intervención, Jacobo Sutil explicou que a nova entrega desta
serie é “un reflexo máis do gran momento que vive nos últimos
anos o audiovisual galego”. Felicitou tamén a todo o equipo da
produción polo resultado artístico e de difusión acadado xa na
primeira temporada de Rapa, e por “ser quen de poñer en
valor unha vez máis a profesionalidade dos nosos actores e actrices
e da nosa escrita audiovisual”.
Con
anterioridade á première, a delegada territorial da Xunta
Martina Aneiros participou xunto ao elenco da serie na inauguración
oficial da Menina de Rapa que, con obxecto da promoción desta
produción audiovisual, pintouse na rúa Gabriel Vázquez Seijas. O
autor do mural e alma máter do festival urbano Meninas de
Canido, Eduardo Hermida, foi o encargado de explicar aos asistentes a
composición da peza protagonizada pola menina Agustina
Sarmiento, que sostén na súa man unha das fragatas que se constrúen
en Ferrol, coas grúas dos estaleiros de fondo.
A
segunda temporada de Rapa desenvólvese no Arsenal Militar de Ferrol.
Este ambiente ríxido, tan marcado polas normas estritas de
funcionamento, volverá poñer en contacto os dous protagonistas da
primeira temporada: Tomás, encarnado polo actor Javier Cámara, e
Maite, a quen lle dá a vida Mónica López. Os dous afanaranse por
resolver cadanseu caso pendente: a desaparición dun oficial e un
asasinato sen resolver que se arrastra dende 20 anos atrás.
Rapa
converteuse coa súa primeira entrega na mellor estrea de
ficción da pasada tempada en Movistar Plus+. O proxecto conta co
apoio do Hub Audiovisual da Xunta financiado polo Fondo Europeo de
Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE.
Alén
disto, lembrar que Portocabo achegará un novo proxecto a Movistar
Plus+ co-producido pola empresa galega. Trátase da miniserie Garbo,
creada polo mesmo equipo creativo de Rapa e Hierro:
Pepe Coira, Fran Araújo e Jorge Coira. Contará a historia real de
Juan Pujol, un axente dobre español que foi clave para que os
aliados gañasen a II Guerra Mundial.
Este thriller policíaco
creado por Pepe Coira e Fran Araújo, cuxo rodaxe finalizou en
decembro, conta nesta segunda tempada con Rafa Montesinos e Marta
Pahissa na dirección.
A segunda tempada de seis episodios chegou á plataforma hoxe.