A sétima edición da Bolsa Nacho Mirás premia o proxecto de xornalismo en liña Notas á marxe

xoves, 28 de xullo do 2022 S. P.

A sétima edición da Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis, impulsada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, recaeu nesta sétima edición en Notas á marxe. Este é un proxecto de Belen Rodríguez Teiga e Carmen Novo Castiñeeiras. Artéllase arredor dun podcast e un boletín en liña de novas sobre literatura e pensamento crítico. En palabras de Belén e Carmen, é unha proposta de reflexión fronte á simple actualidade e de “xornalismo lento”.
En palabras do Colexio de Xornalistas, Notas á marxe parte dun produto literario que tanto pode ser un libro, a letra dunha canción ou o texto dunha peza de teatro e “a partir de aí busca relacións con outras disciplinas que aborden a mesma idea para crear unha visión conxunta e completa”. O obxectivo final é “procurar reflexións, compartir ideas e, sobre todo, desenvolver o pensamento crítico”. En canto ao formato, o proxecto articularase en torno a unha web que servirá para verter todos os contidos. Estes, á súa vez, faranse mediante dous formatos: un podcast mensual e un boletín de novas dixital e quincenal. Entre as distintas temáticas que pretende abordar o proxecto encóntranse o aborto voluntario, a culpa, ou a representación e romantización do rural.
Belén Rodríguez Teiga e Carmen Novo Castiñeiras, responsábeis do proxecto, acadaron o grao de Xornalismo neste mesmo ano 2022.
O xurado estivo formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela.