A sétima edición dos INCUVI-Emprende premiará novamente o enxeño innovador universitario

xoves, 25 de xaneiro do 2018 Redacción

Onte no Politécnico presentáronse os detalles da sétima edición dos Premios INCUVI-Emprende da Universidade de Vigo, destinados a apoiar, recoñecer e impulsar os novos proxectos galegos destinados a marcar un antes e un despois na nosa relación coas tecnoloxías e co coñecemento. Proxectos de emprendemento postos en marcha por mozas e mozos acabados de saír dos tres campus da UVigo (catro iniciativas do de Ourense, dous do de Pontevedra e seis do de Vigo). Segundo se fixo saber, o prazo para presentar achegas ficará aberto até o 31 de xaneiro. O acto contou coa presenza José María Faílde, director da Área de Descentralización do Campus de Ourense, que salientou que os premios brindan “un de preincubación dun ano de duración” no que as persoas beneficiarias “contan co apoio das institucións para transformar as súas ideas en proxectos emprendedores”.
Alejandro Martínez, director da Área Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, foi o encargado de explicar os asistentes as características da convocatoria, á que se pode presentar tanto alumnado da Universidade de Vigo de grao, mestrado e doutoramento como persoas tituladas no curso 2014/2015 ou posteriores.
Os premios, sinalou Martínez, fornecen aos proxectos gañadores de actividades formativas e de asesoramento, así como a subvención, durante o mesmo período, dos custos de estadía nun espazo de traballo na preincubadora correspondente. “As propostas”, dixo, “poden ser elaboradas de xeito individual ou en grupos formados por un máximo de catro persoas”. Amais, engadiu, a súa temática deberá encadrarse nalgún dos eidos de coñecemento contidos nos plans de estudo da Universidade de Vigo: artes e humanidades; ciencias; ciencias da saúde; ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura.
Entre as novidades desta edición, Alejandro Martínez destacou a incorporación da Xunta de Galicia ao panel das entidades colaboradoras e cambios no proceso de selección, que nesta edición contará con tres fases: unha primeira de entrevista persoal ante un panel de persoas expertas en emprendemento, unha segunda consistente nun obradoiro de ideas para as iniciativas preseleccionadas e unha terceira de presentación ante a comisión de selección.
No acto tamén interveu Ricardo Capilla, director do Parque Tecnolóxico de Galicia Tecnópole, entidade na que se instalan durante un ano os proxectos gañadores dos INCUVI-Emprende de Ourense. Capilla salientou que se trata “dunha oportunidade única e moi interesante”, cuns importantes premios que achegan aos emprendendores e emprendedoras “a posibilidade de pórse en contacto con empresarios” do ámbito estatal e internacional e “desenvolverse nunha contorna empresarial”.

PUBLICIDADE