A startup de orixe galega Breakevent, finalista do Global MediaTech Pitch Day

luns, 29 de setembro do 2025 S. P.

A startup de orixe galega con sede en Madrid Breakevent alcanzou a final da 3ª edición anual do Global MediaTech Pitch Day, logrando destacar entre máis de 500 candidaturas de todo o mundo. A empresa engaiolou ao xurado coa súa plataforma de análise de datos para a industria da música en directo, que axuda tanto a promotores como artistas a reducir o risco financeiro dos eventos mediante a predición da venda de entradas e a rendibilidade a través da análise de datos de redes sociais, plataformas de streaming e eventos previos.
Creado especificamente para a industria dos eventos musicais en vivo, Breakevent, fundada pola galega Lucía Martínez Prado, ofrece predicións sobre o aforo óptimo, o prezo das entradas e o rendemento dos artistas. Todo iso, apoiado por un asistente conversacional de IA que traduce datos complexos en suxestións prácticas para a planificación.
A compañía xa conta co respaldo de Warner Music Group e outros actores relevantes do sector, e, segundo o xurado do certame, “avanza con forza mediante un modelo de subscrición”. Entre os seus clientes atópanse Never Say Never, Festival Río Babel e Granca Live Fest.
Lucía Martínez Prado, creadora de Breakevent “Vimos un abano moi amplo de ideas extraordinarias que xa están a redefinir o futuro dos medios”, declara Vitoria Palatnik, socia directora de Raw Ventures. “O que máis nos impresionou é que todos os finalistas —que van desde a fase pre-semente de financiamento ata Serie A— xa demostran unha relación produto-mercado sólida, algo fundamental para calquera empresa en etapas iniciais. Estamos entusiasmados de celebrar o Global MediaTech Pitch Day en Barcelona por primeira vez e inspirounos a enerxía da comunidade local de startups e investidores. Barcelona é un dos grandes polos mundiais para a IA e a innovación dixital, con máis de 500 empresas de IA e 160 hubs tecnolóxicos internacionais, o que a converte na contorna ideal onde se xuntan o MediaTech e a IA para crear a vindeira xeración de startups do máis alto nivel”.
Aínda que Breakevent brillou como finalista, a gañadora do xurado do Global MediaTech Pitch Day foi a surcoreana Inshorts, recoñecida pola súa tecnoloxía de Intelixencia Artificial detrás de BTS Movie Weeks e as súas colaboracións con Bong Joon-ho, director gañador do Óscar por Parasitos.