A tableta Samsung Galaxy Tab S5e aposta pola versatilidade e a elegancia

venres, 15 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Anticipándose á celebración do Samsung Unpacked do vindeiro día 20, Samsung Electronics anunciou hoxe a súa nova tableta Galaxy Tab S5e, que co seu deseño lixeiro e delgado quere ser un trebello que achegue unha gran experiencia á hora de consumir contido de xeito inmersivo na súa pantalla Super AMOLED de 10,5 polgadas (cunha proporción de 16:10) sen que o usuario teña que preocuparse pola autonomía (xa que pode aguantar até 14,5 horas reproducindo vídeo).
A nova tableta de Samsung ten un corpo metálico de só 5,5 milímetros de grosor e 400 gramos de peso, e estará dispoñible a partires de abril en cor prata, negra e ouro. Conta con catro altofalantes de AKG con tecnoloxía estéreo de rotación automática e Dolby Atmos, conseguindo un son potente e envolvente.
Integra o asistente virtual Bixby 2.0, recoñecemento facial, lector de pegadas dixitais no botón de acendido e non só sería un bo produto para o lecer, senón que tamén podería ser moi interesante para traballar, xa que en combinación cun teclado e con Samsung DeX podería empregarse a tableta coma se fose un ordenador. Permite sincronizar chamadas cun smartphone con Android 9, de xeito podemos atender chamadas e mensaxes de texto directamente dende a tableta.
A Samsung Galaxy Tab S5e poderá adquirirse en dous modelos diferentes: un con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e outro con 6 GB de RAM e 128 GB de capacidade. O almacenamento pode ampliarse mediante tarxetas microSD de até 512 GB. Ten cámaras de 13 e 8 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, GPS e batería de 7.040 mAh con carga rápida por USB-C.

JPEG - 41.8 KB
O deseño da Galaxy Tab S5e é un dos seus puntos fortes

Vídeo de presentación da tableta Galaxy Tab S5e

PUBLICIDADE