Unha aplicación móbil fará as funcións da tarxeta Millennium da Coruña

xoves, 13 de decembro do 2018 Redacción

A edil de Participación e Innovación Democrática da Coruña, Claudia Delso, e o concelleiro de Mobilidade Sustentable, Daniel Díaz Grandío, presentaron esta mañá o proxecto Coruña Millennium Próxima, unha aplicación que permitirá que a veciñanza poida efectuar o pagamento no servizo de transporte público urbano, así como a recarga da tarxeta moedeiro municipal, desde o seu propio teléfono móbil. A iniciativa propón axilizar o sistema de pagamento no autobús, ademais de axudar a aumentar a velocidade comercial do transporte público e a atención da administración á cidadanía desde unha perspectiva «acorde aos tempos, máis eficiente, áxil e tecnolóxica», segundo apuntou a edil.
A aplicación nace da fusión de dúas propostas gañadoras nos Orzamentos Participativos do ano 2016. A primeira delas solicitaba, por unha banda, que o transporte público se puidese pagar dende o teléfono móbil, ademais de facilitar a recarga do cartón sen ter que realizar un desprazamento físico a un caixeiro ou unha oficina bancaria. A segunda iniciativa veciñal instaba a poder xestionar en liña a tarxeta, co obxectivo de poder solicitala ou consultar, desde o teléfono, tanto o saldo como como realizar a recarga de abonos pendentes.
«Estamos a falar dun proxecto complexo, impulsado desde a área de Innovación Tecnolóxica e no que o Concello investiu 60.000 euros», explicou Delso, quen destacou «a negociación e chegada a acordos tanto coa Compañía de Tranvías para a instalación dos dispositivos nos autobuses como con Abanca, responsable da pasarela de pago, para poder garantir a viabilidade da aplicación».
A aplicación Coruña Millennium Próxima comezará a vindeira semana o período de probas entre un grupo de persoas usuarias da liña de autobús 1A, na que se instalará un novo dispositivo para poder ofrecer este servizo. A previsión é que, a partires do mes de marzo, a aplicación poida estar dispoñible para a súa descarga gratuíta, para toda a cidadanía, en Google Play. O servizo poderase utilizar, polo momento, desde dispositivos Android con NFC.
«Calquera persoa, sexa residente ou non na Coruña, poderá ter a Millennium Próxima no seu móbil sen ter que acudir ás oficinas municipais, e poderá recargala sen pasar por un caixeiro. Tan só precisará realizar un rexistro previo na propia app», salientou Delso engadindo que «esta app introduce unha funcionalidade clave a medio-longo prazo, como é a identificación dixital. Grazas ao rexistro único, e mediante códigos QR, a idea do goberno é integrar a aplicación con outros servizos municipais e que a veciñanza poida utilizar tamén a aplicación cos usos da actual Millennium en BiciCoruña ou nas bibliotecas».
O responsable de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, explicou o funcionamento da app, que consistirá na aproximación do dispositivo móbil á canceladora dos autobuses, que efectuarán de inmediato a rebaixa no saldo da persoa usuaria. «Coruña Millennium Próxima replicará á tarxeta física. No momento da descarga da app, e tras a primeira recarga, a cidadanía poderá acceder, entre outras cuestións, á tarifa reducida do perfil xeral que ofrece a tarxeta, e que supoñen actualmente 0,85€ por viaxe, ou mesmo á realización de transbordos gratuítos», dixo Grandío, quen aseverou que, ao igual que a tarxeta física, a app «será personalizada e segura, e dará acceso a un perfil de tarifa concreto». A persoa usuaria poderá consultar na aplicación o estado do seu moedeiro, recargar o saldo, xestionar o seu perfil, facer as recargas de abonos pendentes, ou consultar, por exemplo, histórico de viaxes. Coruña Millennium Próxima tamén dará a posibilidade de recibir e personalizar as notificacións relevantes sobre incidencias no servizo de transporte ou da cidade, como o incidencias puntuais de paradas ou problema do tránsito da súa liña.

PUBLICIDADE