A técnica stop motion ao servizo do legado de María Casares

mércores, 29 de xuño do 2022 Redacción

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Airas, presentaron hoxe as cinco pezas audiovisuais sobre a figura de María Casares coas que a Xunta de Galicia leva o legado da artista á pequena pantalla. Os materiais, producidos por Algabaría Animación, serán emitidos desde hoxe na Televisión de Galicia.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou a relevancia deste proxecto que conta con importantes colaboracións como o actor Francisco Negreira e a actriz Raquel Acuarable, coa voz de Yolanda Castaño e coa música de Gastón Rodríguez. “Estes pequenos vídeos insírense na programación que impulsamos desde o Goberno galego para celebrar o centenario de María Casares e que representa unha oportunidade extraordinaria para coñecer as diferentes facetas que marcaron a traxectoria dunha actriz universal”, explicou Anxo M. Lorenzo.
Así mesmo, o director xeral de Cultura agradeceu a implicación da CRTVG neste proxecto achegando a través da televisión a todos os galegos “á figura dunha das grandes imaxes do teatro galego, español e europeo” e darlle á coruñesa a “visibilidade que merece”.
Neste senso, a Administración autonómica apoiou a elaboración de cinco pezas que permiten afondar na figura de María Casares dun xeito diferente. Foron realizadas cortando con láser e texturizando a man miles de siluetas coas figuras humanas e de atrezzo que aparecen en escena. Posteriormente, estas figuras foron fotografadas mediante a técnica stop motion co fin de obter a sensación de movemento na pantalla.

PUBLICIDADE