A tecnoloxía Apple Vision podería tardar 2-3 anos en ter prezos asumibles

luns, 12 de xuño do 2023 Marcus Fernández

A presentación do casco Apple Vision Pro está a moito que falar na última semana, especialmente por resultar bastante complicado para moitos entender o obxectivo de Apple ao preparar un dispositivo que cun prezo base de 3.499 dólares estaría fóra do alcance da meirande parte de consumidores, pero o analista especializado na compañía de Cupertino, Mark Gurman, asegura que xa están a traballar nunha versión máis económica que poida chegar a máis xente.
A ninguén se lle escapa que o feito de que o produto levase a palabra Pro como apelido podía dar a entender que houbese versións do casco máis económicas, con algunhas concesións, e Gurman ten claro que o prezo de lanzamento de Vision Pro non está fixado para vender, e a intención de Apple é unicamente iniciar unha nova categoría de produtos que tardará aínda bastante en madurar para facer realidade os conceptos nos que están a traballar, para o que é importante que os desenvolvedores teñan acceso a algún tipo de dispositivo como este modelo Pro.
Gurman considera que o público xeral debería agardar a unhas futuras Apple Vision ou Apple Vision One, que tamén serían un produto cun prezo elevado, pero con pequenos cambios que o fagan máis accesible economicamente, aínda que como moi cedo non veriamos algo así até finais de 2025, sendo máis probable que esta tecnoloxía de Apple non sexa realmente de consumo até 2026.

PUBLICIDADE