A tecnoloxía de Alexa poderá integrarse en videoxogos

xoves, 25 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Amazon está cada vez máis presente no ámbito dos videoxogos, e a súa última innovación no sector é Alexa Game Control, unha tecnoloxía que permitirá a usuarios de PC e consola utilizar a súa voz para dar ordes nas partidas valéndose do recoñecemento de voz de Alexa.
Con Alexa Game Control os xogadores poderán interactuar con personaxes non xogables, intercambiar armas e realizar outras accións valéndose da súa propia voz e sen precisar dun dispositivo Echo de Amazon, xa que poderá empregarse o recoñecemento de voz con calquera micrófono conectado ao PC ou á consola.
O primeiro xogo en anunciar o emprego desta tecnoloxía é Dead Island 2, que permitirá acceder a funcións de orientación ou manipular hordas de zombis a través da voz, conseguindo así unha experiencia máis inmersiva. Cómpre advertir que as ordes de voz nos xogos poden darse directamente, ou sexa, que non é preciso dicir Alexa antes de cada orde.
Os desenvolvedores poderán integrar esta nova tecnoloxía dun xeito doado nos seus títulos, xa que está dispoñible como un engadido para Unreal Engine 4, Unity e C++, aínda que polo momento Alexa Game Control está en fase de beta pechada, de xeito que os desenvolvedores interesados en empregala teñen que solicitalo a través dun formulario en liña.

PUBLICIDADE