A tecnoloxía de vangarda centrou unha xornada na Coruña
xoves, 2 de outubro do 2025
A Coruña acolleu este xoves a primeira edición do Foro CTV: Ciencia e Tecnoloxía de Vangarda, un encontro impulsado por Quincemil e o Centro Tecnolóxico ITG que reuniu a representantes institucionais, expertos e empresas punteiras para debater sobre os retos e oportunidades das tecnoloxías disruptivas en Galicia. A xornada, celebrada no auditorio da Fundación Barrié e conducida pola xornalista Lucía Rodríguez, abriu cunha intervención institucional a cargo de Carlos Calvo, Inés Rey e Román Rodríguez.

- O acto estivo conducido pola xornalista Lucía Rodríguez
O director xeral do ITG, Carlos Calvo, advertiu que «todo esforzo, sensibilidade e investimento en ciencia e tecnoloxía de vangarda se fai cada vez máis necesario. É agora ou nunca». Subliñou que a competitividade empresarial está «cada vez máis vinculada aos procesos tecnolóxicos, o que trae desenvolvemento económico e, con el, desenvolvemento social». Tamén alertou sobre a aceleración dos ciclos de innovación: «Antes buscabamos solucións en prazos de anos, agora os marcos temporais de traballo mídense en meses».
A alcaldesa da cidade, Inés Rey, defendeu do papel de A Coruña como referente en innovación. Subliñou que as tecnoloxías disruptivas como a IA «permiten automatizar trámites e anticipar necesidades sociais». Lembrou que a cidade foi pioneira en acoller unha facultade de informática e que hoxe alberga a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial. «Nesta segunda gran modernización da cidade, apostamos polas tecnoloxías da información e da comunicación. É unha ferramenta de primeiro nivel para A Coruña».
Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, completou a apertura institucional do foro afirmando: «Estamos nun momento de cambio, de transformación». Insistiu en que «se non somos capaces de estar á vangarda, perderemos un tren que non recuperaremos por moitos anos». Reivindicou o potencial galego para liderar proxectos tecnolóxicos e engadiu: «Un territorio condiciona, pero non limita. Temos empresas punteiras que foron capaces de competir a escala nacional con gran brillantez». Preguntouse tamén «que debemos facer para darlle oportunidades ás persoas?» e respondeu: «Construír unha cadea de valor que arrastre coñecemento e transfira o valor ás empresas».
Ao longo da mañá, sucedéronse intervencións de 20-25 minutos, centradas en ámbitos como a intelixencia artificial responsable, os avances en biomedicina, as tecnoloxías cuánticas, os novos retos da ciberseguridade, a IA disruptiva aplicada ao deporte e á moda, a industria de defensa en Galicia e a oportunidade estratéxica da biotecnoloxía.
Na mesa redonda moderada polo decano do COETTGA, José Manuel Martínez Pérez, participaron o director da Área de Medio Ambiente, Fondos Europeos e Dixitalización da Coruña, Emilio Álvarez-Miranda, e o responsable de Solucións de Dixitalización e Tecnoloxía de AENOR, Rafael Vergara, dando ambos a súa visión sobre a necesidade de facer uso dunha intelixencia artificial responsable.
Un dos detalles que salientaron foi a importancia dunha alfabetización sobre a IA, especialmente no que se refire a que información se pode compartir coa mesma, elemento que pode ser máis importante que as súas posibilidades técnicas; deixando caer que a ética sobre o uso da IA dará moito que falar nos vindeiros anos.
Emilio Álvarez-Miranda destacou a participación da cidade da Coruña no proxecto europeo ALLOCATE (que se desenvolverá durante os vindeiros tres anos e medio) e tamén sostivo que a intelixencia artificial é algo que construiremos entre todos; mentres que Rafael Vergara deixou caer que nas empresas están a ver como as ferramentas de intelixencia artificial vai máis aló dos chatbots e apuntou que a IA é unha nova revolución industrial.
Para falar sobre os avances da biomedicina subiron ao escenario o consultor especialista en saúde en NTT DATA, Juan Castro Loyo, e o coordinador do Servizo de Medicina Interna do hospital HM Modelo, Ignacio Ramil, puxeron en valor o proxecto Innovatrial, que tanto está a dar que falar nos últimos días.
Para abordar o reto das tecnoloxías cuánticas a directora de operacións de DIHGIGAL, Josefina Alonso Nocelo, conduciu unha conversa con Gonzalo Blázquez Gil, Quantum Tech Manager de ITG, e Javier Mas Solé, investigador do IGFAE. Entre os moitos detalles que apuntaron sobre o potencial das tecnoloxías cuánticas, non faltou un baño de realidade para pechar, deixando caer Gonzalo Blázquez que o fenómeno da IA está a captar tantos fondos económicos que está a dificultar o financiamento dos proxectos cuánticos, mentres que Javier Mas quixo deixar claro que antes de 10 anos será imposible ver algo práctico neste ámbito, xa que a maduración destas tecnoloxías é moi complexa.
Enlazando coas tecnoloxías cuánticas deuse paso a unha conversa entre o director de Quincemil, Pablo Grandío, e o experto en ciberseguridade e divulgador, Antonio Fernandes, comezando este último desbotando o mito da ameaza das tecnoloxías cuánticas nas tecnoloxías de cifrado empregadas actualmente (pois cando a ameaza sexa realidade teremos solucións para atallala).
De cara á loita contra a ciberdelincuencia, Fernandes apuntou á falla de colaboración entre os distintos actores internacionais. Pero non só criticou que normalmente as autoridades doutros países non poñen facilidades para a loita contra a criminalidade tecnolóxica, senón que tamén apuntou un grande problema para Europea a nivel de soberanía, de xeito que igual que perdemos o tren da IA, tamén estamos a ter unha alta dependencia de terceiros países nas infraestruturas da nube e na seguridade informática, polo que ante un conflito global non teriamos alternativas locais. Apunta que ante tal escenario sería moi necesario que se investisen recursos na creación dunha industria da ciberseguridade europea, para poder defendernos de ameazas que cheguen de territorios que non son tan respectuosos cos dereitos dos cidadáns como somos nós.
Tras unha pequena pausa, a xornada completouse cunha charla sobre o uso da IA no deporte e na moda, unha conversa sobre a industria da defensa en Galicia, unha reflexión sobre a oportunidade da biotecnoloxía e, finalmente, Carmen Cotelo, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), pechou a xornada destacando que «vivimos cada vez nun mundo máis globalizado. Por iso, temos que competir a nivel global». Cotelo repasou as liñas de axuda activas para proxectos de IA, I+D e biotecnoloxía, e sinalou que Galicia conta cunha estratexia de intelixencia artificial para 2030, así como co Polo de Tecnoloxías Cuánticas como motores de proxección internacional.
O Foro CTV rematou cun ambiente de colaboración e intercambio, deixando constancia do dinamismo e da ambición do ecosistema tecnolóxico galego.
