A tecnoloxía de xestión da auga do ITG, implantada con éxito en cinco concellos de España e Italia

luns, 26 de marzo do 2018 Redacción

O sistema SANePLAN do Instituto Tecnolóxico de Galicia, unha avanzada plataforma de xestión integrada de saneamento e planificación urbana, está a consolidarse como solución innovadora en Europa. Así se fixo saber durante o transcurso da edición 2018 (este 21 de marzo) do Water Market Europe, encontro organizado en Bruxelas pola entidade europea de empresas e organización dos sector Water Supply and Sanitation Technology Platform, evento no que o instituto galego participou como relator e no que se puido ver a punta de lanza da innovación en materia de auga.
O ITG, representado por Juan Luis Sobreira, director de operacións, acompañado de Óscar González Represas e Lucía Garabato Gándara, salientou as potencialidades de SANePLAN a prol da xestión sustentábel de equipos de saneamento, a través da recompilación de datos fiábeis e exactos para unha axeitada previsión das necesidades actuais e futuras dunha rede de urbana.
O ITG tamén fixo saber que o sistema SANePLAN, dirixido a concellos e organismos con competencias nas ditas cuestións, achega como novidade a xestión integrada do saneamento e a planificación urbana, reunindo a información das redes de saneamento e da EDAR (estación depuradora de augas residuais) nun único punto, “conseguindo desta maneira unha visión completa do ciclo de augas residuais”. Esta solución é froito de experiencias previas de éxito do centro tecnolóxico ITG relacionadas coa auga potábel nas cidades. É o caso de ASAP (2006-2009), un optimizador de redes de auga potábel; e de Wiz (2010-2013), un sistema de planificación urbana recoñecido como Best of the Best Project polo programa Life da Comisión Europea no ano 2015.
Respecto do seu espallamento internacional, o ITG lembrou que xa houbo experiencias de éxito en en cinco concellos de España e Italia, tanto pequenos e medianos municipios (4.500 e máis de 10.000 habitantes respectivamente) como en Baiona, Chiesina Uzzanese e áreas mancomunadas cunha poboación superior aos 27.000 habitantes.

PUBLICIDADE