A tecnoloxía galega Hosix impulsa a sinatura dixital médica en Perú

luns, 29 de agosto do 2016 Redacción

A empresa galega SIVSA vén de facer reconto da traxectoria trazada pola súa ferramenta Hosix (sistema para a xestión e a información hospitalaria) en Perú, máis polo miúdo nos dos grandes complexos médicos do país andino onde o devandito produto está implantando, abranguendo todos os ámbitos de actividade relacionados coa súa xestión: o Hospital Alberto Leopoldo Barton Thompsony Villa María e o Hospital Guillermo Kaelin de la Fuente. Nestes dous centros SIVSA deu forma a un módulo específico de sinatura ao abeiro de Hosix. “Grazas ao noso avanzado módulo de sinaturas”, sinalan fontes de SIVSA, “os dous hospitais están a optimizar a organización e a eficacia do traballo cotián”.
De feito, nun plano máis concreto, logo da campaña desenvolvida pola Xerencia da Sociedade Operadora coa ferramenta de SIVSA, incrementouse “de maneira significativa” a porcentaxe de documentos rubricados a través de sinatura dixital, chegando a obterse unha porcentaxe do 99% sobre o total. “Grazas a isto”, engade a compañía galega, “ambos hospitais foron quen de converterse nos primeiros centros de saúde públicos que dispoñen de historia clínica dixital única no país, o que lles permite cumprir coa lexislación vixente, protexerse contra a falsificación e a suplantación de identidades e protexer a integridade do contido asinado”.
Entre as principais características da tecnoloxía galega atópase a súa capacidade de axilizar e organizar os procesos na atención, incrementando a súa eficiencia.

PUBLICIDADE