A tecnoloxía galega Intellixente permite ás empresas escoitar de primeira man aos seus clientes

martes, 18 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

A firma galega 2Mares recibiu foi obxecto hai unhas semanas dun gran recoñecemento europeo á súa actividade, tal e como sinalamos dende a web Código Cero, onde fixemos fincapé na procedencia da distinción (os StartUp Games, olimpíadas TIC europeas que organiza o Goberno británico) e máis nos procedementos usados (un proceso inicial de escolma ao que se presentaron máis de 500 empresas das que se seleccionaron, para a recta final, 120). Finalmente, 2Mares figurou entre as empresas gañadoras grazas ao seu servizo Intellixente, solución para servizos de atención ao cliente en redes sociais. Pero en que consiste exactamente esta solución? Segundo a empresa, trátase dun recurso para escoitar, de verdade, a voz do noso cliente.
Asemade, ten potencial de abondo como para tirar o máximo proveito da intelixencia que atesouran as comunidades 2.0. A ferramenta ten un combustible de seu: os milleiros de opinións persoais que se verten nestes servizos de participación, en calquera das súas moitas feituras e marcas, das que Intellixente se nutre para avaliar a posición que ten unha empresa entre a sociedade, neste caso a sociedade 2.0, reflexo en boa medida fiel da anterior, aínda que con engadidos. A firma 2Mares salienta que con este proxecto o que se desexaba era achegar algo verdadeiramente útil para facer doado e accesible o que en moitas ocasións se presenta como caro e complexo: escoitar ao cliente. “Intellixente”, informa a entidade con sede en Vigo, “é unha solución segura e fiable que en cinco pasos facilita entender ao cliente e usar a súa voz como material de aprendizaxe organizativo para a mellora de procesos; permitindo mellorar de xeito práctico e eficaz a súa escoita activa”. Isto último faise a través do seguinte:
· Escoita integrada de tódalas canles de interacción e conversación.
· Proceso de formación e adestramento (coaching).
· Análise de impacto na produtividade.
· Análise da calidade percibida.
A plataforma Intellixente conta cun panel de mando que monitoriza para poder ver en tempo real o que acontece nas redes sociais dunha empresa permitindo interactuar cos usuarios dos seus produtos. A solución, que xa dispón de usuarios pertencentes a unha ducia de marcas españolas, está dirixida sobre todo a pequenas e medianas empresas (PEME). O sistema permite ver de xeito detallado todo o que se di da marca tanto en redes sociais coma Facebook, Twitter ou Linkedin coma en Youtube, blogs e foros.