A tecnolóxica Binarial representará a Ames no encontro estatal Innpulso Emprende 2026
luns, 6 de xullo do 2026
No mes de setembro celebrarase a nova edición do encontro Innpulso Emprende 2026, organizado pola Red de Cidades da Ciencia e a Innovación (Red Innpulso), entidade dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU). Será os días 29 e 30 de setembro na cidade de Terrasa. Entre os concellos que xa confirmou a súa participación atópase o de Ames, que estará representado no encontro estatal pola firma tecnolóxica local Binarial, referente innovador en materia de robótica aplicada á industria.
Lembrar que Ames forma parte desta rede dende 2018. Nela tamén están integrados outros concellos galegos como A Coruña, Ames, Arteixo, Lugo, Ribeira, Santiago e Vigo, que tamén con case total seguridade participarán no evento de Terrasa con proxectos locais revolucionarios
Precisamente o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e a técnica municipal de innovación, Patricia Yáñez, visitaron este luns, 6 de xullo, a empresa Binarial, situada na rúa Agro da Vella, número 7, no Milladoiro. Alí foron recibidos por Rodrigo Randulfe, director executivo (CEO) e co-fundador de Binarial; Alejandro Valiñas, director de tecnoloxía e cofundador; e José Manuel González, director de negocio.
Segundo explicou José Manuel González “adicámonos a Physical AI (robótica intelixente) e facemos operadores bimanuais, integramos o hardware e desenvolvemos toda a parte de software. Este ano imos a participar no evento da Red Innpulso, no mes de setembro en Terrassa, algo que faremos con moita ilusión”. Tamén agradeceu a visita institucional do alcalde e da concelleira de Promoción Económica.
O alcalde de Ames, Blas García, dixo “Binarial é unha desas empresas que podemos definir como unha auténtica marca Ames: unha empresa nova, con talento e xa referente no eido da innovación. Estamos encantados de que forme parte deste polo de innovación que está a medrar no Milladoiro e de que vaia representar a Ames no Encontro 2026 da Rede Innpulso. Estamos convencidos de que esta será a primeira de moitas colaboracións e de que, nun futuro próximo, poderemos desenvolver proxectos conxuntos que sigan impulsando a innovación e o talento no noso concello”.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “Ames conta cun enorme potencial de empresas tecnolóxicas. O traballo que realiza Binarial é un exemplo máis. Para nós é unha satisfacción que esta empresa poida representar ao noso municipio no Innpulso Emprende 2026. Este evento supón un escaparate de primeira liña para mostrar o talento innovador local a outros municipios e representantes de grandes empresas”.
Lembrar que o equipo de Binarial está formado por profesionais de perfís técnicos e enxeñeiros con ampla experiencia industrial. Esta entidade traballa no desenvolvemento de robótica aplicada á industria. Este é o traballo que desenvolve desde 2022 Binarial, unha empresa creada en Padrón que pouco despois trasladouse ao concello de Ames, desde onde un equipo formado por enxeñeiros e matemáticos desenvolve plataformas tecnolóxicas con marxe de escalabilidade para optimizar operacións industriais de alta complexidade e loxística automatizada.
A empresa desenvolveu varias solucións a retos da industria, coa que colabora a longo prazo para mellorar resultados. Máis aló disto, acaba de resultar adxudicataria na última convocatoria do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), avalada pola Armada Española, para desenvolver tecnoloxía dual xunto a Navantia e SATEC. Actualmente dita empresa deseña para a Armada Española un sistema de guiado de barcos autónomos por referencias clave para cando se quedan sen sinal GPS. Ao mesmo tempo, traballa para crear un novo ecosistema de humanoides bípedos propios, “robots con características humanas que realizan diferentes tarefas”.
