A tecnolóxica Techaway muda a súa sede a Lugo

xoves, 13 de xullo do 2023 S. P.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu a coñecer esta semana á cuarta das empresas que contará co financiamento da Estratexia Lugo Transforma, iniciativa pioneira posta en marcha durante a pandemia por impulso da rexedora co obxectivo de “favorecer a diversificación industrial do municipio tomando como base a creación de emprego de calidade e estábel”. A firma en cuestión é Techaway, startup catalá que ofrece soporte para a xestión empresarial dende unha plataforma online. Recibirá un investimento de 500.000 € en dúas fases de financiamento.
Acompañada polo conselleiro delegado de Torsa Capital, Jesús Torres e pola analista Marta Baltar, alén do Interventor municipal, Manuel Vázquez, Lara Méndez deu a benvida a Techaway como outra das beneficiarias deste fondo emprendedor.
“Trátase”, dixo, “dunha nova firma innovadora enfocada a desenvolver negocios innovadores e disruptivos que ofrece unha proposta para resolver a xestión do IT dos postos de traballo (hardware, software, soporte e control) de todo tipo de empresas, de xeito que lles propón un servizo dixital, sen desprazamentos, mediante unha plataforma online que asiste todos os procesos das empresas como o mantemento, a asistencia, as altas ou baixas, etc, para que a súa xestión sexa fácil e eficiente e estas poidan centrarse na súa actividade sen ter que preocuparse da xestión informática”.
A rexedora deu conta de que todos os dispositivos de Techaway “teñen unha primeira vida útil (de até 36 meses) ao final da cal se lles proporciona unha segunda vida en ámbitos menos esixentes, como o mercado doméstico ou educativo e, cando o dispositivo é inservíbel, garanten, alén, a súa reciclaxe”.
Méndez tamén lembrou acompañamento que se realiza a través do Lugo Transforma, do que recibirá medio millón de euros (a razón dunha primeira achega de 300.000 euros xa materializada para ampliación de capital e outra posterior de 200.000 €, suxeita a obtención de fitos) destinarase á adquisición de talento, captación de clientes e mercadotecnia. “Ademais”, dixo, “ese investimento servirá tamén para que Techaway afronte o fortalecemento da compañía, multiplicando por 6 o persoal actual para alcanzar, en 2025, un cadro de 30 persoas, para o que agarda contratar en torno a 20 profesionais nos vindeiros anos, fundamentalmente perfís comerciais, tecnolóxicos e de atención ao cliente, entre outros, aínda que os primeiros en incorporarse serán para ocupar posicións de desenvolvemento de negocio e de enxeñeiro de software”.
Mónica Fernández, fundadora da empresa, e Alaitz Blanquer, COO de Techaway, agradeceron o apoio do Concello e relataron as facilidades e toda a colaboración que recibiron para decantarse por implantar a súa sede na cidade fronte a outras ofertas, ao tempo que incidiron na súa vontade de “acadar con isto que o emprendemento dixital se disperse polo territorio, de xeito que a posibilidade de facelo en Lugo foi unha alegría”, dixeron.
O Fondo Lugo Transforma está constituído polo Concello de Lugo, que mobilizou 12 millóns de euros, e polas compañías Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo El Progreso, Dmanán e Torsa capital que incrementaron o fondo inversor con un millón de euros máis.

PUBLICIDADE