A tecnolóxica viguesa Centum R&T doa equipos á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

mércores, 4 de outubro do 2023 S. P.

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación incrementou este martes 3 de outubro a súa dispoñibilidade de equipos de última xeración grazas a unha doazón de material realizada pola empresa tecnolóxica viguesa Centum Research and Technology, fundada no 2010 por persoas egresadas da escola e que conta na actualidade, no se equipo, con medio cento de profesionais altamente cualificados. O seu cometido é o deseño, o desenvolvemento e a comercialización de sistemas aeronáuticos de misión para os mercados de emerxencias, seguridade, defensa e aeroespacial.
A entrega do material, un sistema completo de radio definida por software valorado en 70.000 euros, formalizouse na sala de xuntas da escola e nela coincidiron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a directora da escola, Rebeca Díaz; o responsábel da empresa, Héctor Estévez; a subdirectora de Infraestruturas da EET, Verónica Santalla, e a encargada de Recursos Humanos de Centum, Carmen Prego. Todos coincidiron en subliñar “a gran vantaxe que suporá para o alumnado da escola poder contar con sistemas de electrónica de comunicación moi avanzados baseados nas últimas tecnoloxías dispoñíbeis no mercado”.
Reigosa comentou que “para nós como Universidade é un orgullo que un equipamento tan específico e tan na crista da ola coma estes estean deseñados aquí en Vigo por profesionais que se formaron nas nosas aulas”. Pola súa banda, Héctor Estévez comentou que “o obxectivo da doazón é contribuír a seguir mellorando a ensinanza dos novos alumnos e alumnas”.
A maiores, a directora da escola, Rebeca Díaz, agradeceu a doazón deste equipamento, “algo que non é habitual, especialmente no noso ámbito” e remarcou a estreita relación que mantén o centro co tecido empresarial. “A relación con Centun R&T é un exemplo: unha empresa do sector, fundada por persoas egresadas da EET e cun obxectivo social claro: dar soporte técnico en operativas de rescate de persoas, vixilancia de montes, comunicacións en situacións de emerxencia, etc., aplicando solucións de deseño propio que son consecuencia do labor de investigación e innovación da empresa”, explicou Díaz.

PUBLICIDADE