A televisión como medio perde peso en Galicia en favor da Internet

mércores, 2 de xullo do 2025 Redacción

Datos da segunda onda do Estudio Xeral de Medios (EGM) 2025 analizados pola axencia de medios Avante, reflicten que Galicia consolida o seu estilo de vida dixital e relega a televisión ao terceiro posto na clasificación de medios máis consumidos. O perfil dixital dos galegos combina diversas plataformas de lecer, entre as que destacan Instagram, Netflix e Spotify.
O estudo examina a fondo os hábitos de consumo en radio, prensa, Internet, publicidade exterior, cine e revistas, trazando unha radiografía precisa da evolución das audiencias en Galicia.
O uso de aplicacións como Instagram, Netflix e Spotify segue en aumento. Instagram consolídase como a rede social preferida cun crecemento do 3,6 %, por diante de Facebook (que baixa un 6,3 %) e YouTube (cun descenso do 14,5 %). Pola súa parte, TikTok segue gañando terreo e medra un 10,6 %, consolidándose como unha das plataformas máis dinámicas no ecosistema social galego.
No ámbito do vídeo baixo demanda, Netflix lidera cunha penetración do 46,2 % (+5,5 %), seguida por Amazon Prime Video, que experimenta un maior crecemento (+8,2 %) ata acadar o 36,1 %. Tamén medra Disney+ (+3,2 %), mentres que outras plataformas como Movistar+, Max ou R perden presenza. No consumo musical, Spotify mantén a primeira posición cunha penetración do 29,3 %, aínda que se observa unha fragmentación crecente, con YouTube Music no 9,3 % e Amazon Prime Music no 2,8 %.
Fóra do lecer, a mensaxería instantánea continúa como a actividade dixital máis estendida (+3,4 %), seguida pola busca de información (+7 %) e o uso de redes sociais (+4,4 %). Tamén soben o uso do correo electrónico (+2,1 %) e a lectura de actualidade en liña (+0,1 %).

Transformación no consumo dos medios tradicionais

A Internet sitúase como o medio máis consumido en Galicia cun crecemento do 1,9 %, superando a publicidade exterior (76,3 %) e a televisión, que perde terreo cun descenso do 7 %. Dentro do ecosistema dixital, destacan o aumento da televisión en liña e o vídeo dixital (+2,2 %), as redes sociais (+3,9 %) e o audio en liña (+2,5 %).
A radio tamén recupera audiencia cun aumento do 2,3 % e unha penetración do 58,1 %. A Cadena SER continúa á cabeza con 24.000 oíntes máis, mentres que Onda Cero gaña 28.000 e escala posicións.
No caso da prensa, a caída continúa cun descenso do 6,5 %. La Voz de Galicia segue á fronte con 344.000 lectores, malia perder 47.000. Só Marca, La Opinión de A Coruña e Expansión logran medrar en audiencia. As revistas, pola súa parte, retroceden un 12 %.