A tenda chinesa Gearbest deixa de estar operativa

martes, 14 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Coa entrada en vigor da nova lexislación europea do IVE as tendas en liña chinesas están a experimentar unha crise moi importante, xa que ante a obriga de ter que someter as súas vendas a impostos atoparon que as súas propostas comerciais xa non resultaban atractivas, o que levou ao peche de tendas como eGlobalCentral e Buenabuy, e podería ter pasado o mesmo con Gearbest, unha das tendas máis populares, que leva varios días coa súa páxina web fóra de liña, polo que podemos dar por sentado o seu peche, rumoreándose que a empresa entrou en bancarrota.
Nas últimas semanas Gearbest xa tiña problemas para atender os seus pedidos por falta de existencias, pasando de ser unha das tendas en liña chinesas máis reputadas a unha fonte de problemas, chegando a comentarse que a súa empresa matriz xa despediu a todos os seus traballadores tras uns meses co seu negocio en clara caída.
Polo momento quedan compañías como Tomtop, Geekbuying, DealExtreme, DHGate, Banggood e AliExpress, pero todo apunta a que só poderán manter actividades os que conten con tendas locais en distintos países europeos (como acontece en España con AliExpress Plaza), xa que os consumidores non atopan máis que problemas ao pedir a tendas nas que resulta difícil saber como aplicarán o IVE ou se o paquete quedará retido na aduana e precisará do pagamento de recargas para poder completar o seu envío. Ante esta situación o mellor consello que pode darse aos consumidores é que non adquiran produtos sen empregar métodos de pagamento fiables (como PayPal) e só confíen en tendas que deixen claro como aplican o IVE.

PUBLICIDADE