A tenda de aplicacións de Google para Android terá que permitir tendas de terceiros

xoves, 31 de xullo do 2025 Redacción

A Corte de Apelación do Noveno Circuíto confirmou a sentenza que condena a Google por violación das leis antimonopolio federais e de California, ao considerar probado que mantivo de xeito deliberado unha posición de monopolio nos mercados de distribución de aplicacións Android e de sistemas de pagamento integrados na plataforma. O veredicto responde á demanda presentada por Epic Games tras a retirada do videoxogo Fortnite da tenda de aplicacións oficial de Google, ao integrar este un sistema de pagamentos alternativo co que evitaba as comisións do 30 % impostas por Google.
O tribunal confirmou tamén a orde de medida cautelar permanente imposta polo xuíz de primeira instancia, James Donato, que obriga a Google a cesar certas prácticas que restrinxen a competencia. Entre outras, prohíbese á compañía ofrecer incentivos económicos a fabricantes de móbiles, operadores ou desenvolvedores a cambio de favorecer a Play Store fronte a outras tendas de aplicacións, e ordénase que permita a distribución de tendas alternativas a través da súa propia plataforma.
A decisión destaca que Google impuxo barreiras artificiais á distribución de apps fóra da Play Store mediante pantallas de medo e configuracións predeterminadas que disuadían os usuarios de realizar instalacións directas ou empregar tendas alternativas. Ademais, estableceuse que a compañía condicionaba a instalación do seu servizo de pagamentos á presenza das aplicacións na tenda, limitando así a posibilidade de empregar opcións de pagamento alternativas.
A corte tamén rexeitou os argumentos de Google que pretendían anular o proceso a partir do resultado dun litixio anterior entre Epic e Apple, sinalando que os mercados analizados eran distintos e que a situación de Android non é equiparable á do ecosistema pechado de iOS.
En canto ao alcance da orde xudicial, ratificouse a súa vixencia durante tres anos, incluíndo disposicións que obrigan a Google a facilitar o acceso de tendas de terceiros ao catálogo de aplicacións da Play Store e permitir que estas se distribúan a través dela. A empresa terá un prazo de oito meses para implementar estas medidas (prazo que pode resultarnos familiar, pois foi o que establecera a sentenza publicada o pasado mes de outubro) e deberá facelo baixo supervisión dun comité técnico composto por representantes de ambas partes e un terceiro membro consensuado.
A resolución representa unha vitoria significativa para Epic Games e marca un precedente relevante sobre os límites que poden impor os grandes operadores de plataformas móbiles no acceso aos mercados dixitais. A sentenza subliña a importancia de manter espazos abertos e competitivos para o desenvolvemento de aplicacións e servizos nos ecosistemas tecnolóxicos actuais.
O máximo responsable de Epic Games, Tim Sweeney, manifestou a súa satisfacción polo veredicto, e asegurou que no futuro a súa tenda de xogos estaría dispoñible na tenda de aplicacións de Google para Android, o que pode mellorar significativamente o seu uso por simplificar a súa instalación.