A tenda para móbiles de Epic Games ofrecerá xogos de balde

xoves, 3 de outubro do 2024 Marcus Fernández

A celebración do Unreal Fest Seattle serviu para que Epic Games realizase anuncios importantes como o lanzamento da versión preliminar de Unreal Engine 5.5, a baixada de comisións na tenda de xogos de Epic Games ou a posibilidade de crear illas para as Tartarugas Mutantes en Fortnite.
Pero os detalles sobre a tenda de xogos para móbiles foron o que captou maior atención mediática, pois aínda que non se trataba dun anuncio formal, o responsable da tenda de Epic Games, Steve Allison, confirmou que teñen prevista a chegada de entre 10 e 50 xogos de terceiros á tenda móbil no cuarto trimestre do ano, cun detalle moi importante: ían replicar a fórmula de xogos de balde da tenda de xogos para PC. Isto quere dicir que cada pouco tempo haberá xogos para móbiles que poderán adquirirse de balde como reclamo para instalar a tenda de aplicacións e visitala con frecuencia.
Tamén preparan funcionalidades orientadas a mellorar a experiencia de desenvolvedores e xogadores, facilitando que os editores de xogos poidan publicar de xeito directo na tenda móbil como xa fan en PC, ou activando funcións de chat para os usuarios que incluso poderán gozar do xogo cruzado.

Conferencia inaugural do Unreal Fest Seattle