A terceira convocatoria dos Bonos de Innovación vén cun orzamento de 750.000 euros

luns, 22 de xaneiro do 2024 S. P.

Este luns publicouse no DOG a convocatoria de 2024 de Bonos de Innovación, dotada cun orzamento de 750.000 euros. O seu obxectivo é impulsar os primeiros pasos para innovar en autónomos, microempresas, pemes e entidades do terceiro sector de acción social, e “ademais permitir dar visibilidade á innovación que estas levan a cabo”, informou a Axencia Galega de Innovación (GAIN). Os bonos, que chegan á súa terceira edición, poñen o foco dun xeito especial nas empresas que se estrean na senda da innovación. A intensidade das axudas é do 70% do custo elixíbel, salvo para os custos de protección do coñecemento que é do 50%.
A convocatoria deste ano, cuxo prazo de presentación de solicitudes ficará aberto ata o 22 de febreiro, mantén as características do ano anterior, aínda que “incorpora melloras para facilitar a tramitación e mellorar o impacto nas pemes”, explicou GAIN, salientando que entre outros aspectos amplíanse os posibles beneficiarios para facilitar o acceso ás entidades con maiores barreiras para participar e promover a innovación pero moi relevantes na economía galega.
A convocatoria conta con dúas tipoloxías de bonos, a solicitar de maneira conxunta ou separada polas empresas. A liña 1 está destinada a contratar actividades destinadas á protección da innovación, xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica, así como accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos. As axudas poden chegar ata 35.000€. Poden optar a esta liña as microempresas e pequenas empresas, mais están excluídas as medianas empresas e as pemes beneficiarias de Bonos en 2023 ou de Innovapeme 2022 ou 2023 e Deseñapeme 2023.
A liña 2 está destinada a apoiar a contratación de servizos de apoio para a tramitación de incentivos fiscais á I+D+i, bonificacións da seguridade social de persoal investigador e novas solicitudes de financiamento a propostas de I+D+i en convocatorias de axudas estatais. Estes bonos inclúen tamén as medianas empresas e poden chegar a un máximo de 10.000€. Unicamente están excluídas as empresas beneficiarias do programa Innovapeme 2022 e da liña 2 da convocatoria Deseñapeme e Innovapeme 2023.
Os bonos de innovación van dirixidos a suplir e complementar as capacidades internas das empresas a través da contratación de servizos externos dos axentes de innovación. Esta convocatoria compleméntase con outras liñas de axuda de apoio á innovación e permite trazar un itinerario de financiamento segundo o tamaño da empresa e o seu nivel e capacidade de innovar.
Para presentar en detalle estas axudas, entre outras liñas de apoio á I+D+i da Axencia Galega de Innovación, celebraranse catro xornadas presenciais, unha por provincia: o 25 de xaneiro en Lugo; o 31 de xaneiro en San Cibrao das Viñas (Ourense); o 2 de febreiro en Vilagarcía de Arousa e o 6 de febreiro en Ferrol. As inscricións poden realizarse na web da Axencia Galega de Innovación.

PUBLICIDADE