A torta Boommm… gaña en Ourense o concurso Comerciencia

luns, 24 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

A cociña, alén do que poderíamos pensar nun primeiro momento, non se limita á mestura de alimentos en máis ou menos cantidades ata dar cun sabor axeitado e a gusto dos padares máis exquisitos, non. A cociña, tal e como puidemos comprobar a través das actividades organizadas en torno a Comerciencia, Consumir con Ciencia, Comer con Conciencia, en Ourense, ten moita ciencia detrás.
A boa cociña agocha tras de si un proceso de preparación axustado a cada alimento e iníciase seguindo sempre unhas normas de conservación ríxidas. Asemade, os produtos non se mesturan sen antes ter en conta a súas propiedades físicas e químicas e as medidas son calculadas de maneira moi precisa.
Precisamente para facer conscientes aos estudantes da ciencia que se agocha detrás da cociña, a Vicerreitoría de Investigación e Transferencia organizou o concurso A Cociña do Futuro no 2050, no que saíu vencedora a receita titulada A Torta Boommm…, de Paula Aguión, estudante do IES Julio Prieto Nespereira.
A súa receita de pastel leva 125 gr. de fariña, 5 ovos, 125 gr. de azucre, 1 cullerada de vainilla e un chisco de sal. Con estes ingredientes Aguión deseñou todo o proceso necesario para obter unha torta-xeado, orixinal polo seu formato e “explosiva” polos seus ingredientes.
“O seu esforzo por intentar aplicar conceptos da ciencia na creación e explicación receita e por buscar elementos innovadores” valeulle o primeiro premio, dotado con un iPod.
En Comerciencia, alumnos de sete centros de Ourense e Lugo participaron en diferentes visitas e obradoiros sobre alimentación no Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo, no Centro Tecnolóxico da Carne e no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación.
Para completar estas actividades, os organizadores de Comerciencia convidaron aos estudantes participantes a presentar a súa visión sobre a maneira de cociñar e alimentarse en 2050. Tiñan que facelo a través dunha receita ou debuxo no que plasmasen ademais os coñecementos adquiridos durante o desenvolvemento das visitas e obradoiros. Dentro do concurso, concedeuse un primeiro premio e accésits para Lugo e outros para Ourense.

PUBLICIDADE