A transformación dixital dende o punto de vista humano e xurídico, a debate na USC

xoves, 15 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

O vindeiro 29 de novembro a Facultade de Dereito da USC vai acoller unha xornada sobre as transformacións produtivas que estamos a vivir dende o punto de vista xurídico-laboral, mostrando as consecuencias que podería ter o que se coñece como Industria 4.0 (a apoiada polos sistemas tecnolóxicos intelixentes) en relación ao traballo. Estamos a falar da sesión A dixitalización da empresa. Os retos da empresa na economía dixital.
Nela, amais do devandito, abordarase tamén o futuro do sector financeiro e bancario (poñendo o foco no eido fintech) así como os desafíos xurídicos que presenta a ciberseguridade, a publicidade, a protección de datos persoais e o que se coñece como información a gran escala (Big Data).
A actividade está organizada pola Rede Empresa e Administración en colaboración do Centro de Estudos de Seguridade (CESEG) e o Centro de Responsabilidade Social, Goberno Corporativo e Protección do Inversor da USC (CERGI).
Segundo explican as entidades organizadoras da xornada, “a sociedade e a economía afrontan actualmente os retos da cuarta revolución industrial cunha serie de cambios, procesos e tecnoloxías disruptivas que nos sitúan nun escenario que fusionará o físico, o dixital e o biolóxica”. No futuro, engaden, albíscanse “novas realidades como as Cidades Intelixentes, o Internet das Cousas ou a Realidade Aumentada, tecnoloxías como a Intelixencia Artificial ou o blockchain, a edición xenética ou a computación cuántica”. Entre os obxectivos principais da xornada do 29 de novembro figura o de achegar debate e reflexión acerca dos devanditos fenómenos, os seus desafíos e as súas consecuencias, asentando o alicerce para facer continua no tempo, dende a USC, unha análise pormenorizada sobre o seu “enorme impacto económico e xurídico”.

PUBLICIDADE