A transformación dixital e os mellores xeitos de encarala, ao detalle nunha xornada da AEF en Narón

venres, 13 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A Asociación de Empresarios Ferrolterra vai organizar a semana vindeira un novo encontro profesional para dar a coñecer as moitas vantaxes de adaptar os nosos negocios ás contornas e ferramentas tecnolóxicas. Estamos a falar da Xornada sobre Transformación Dixital (Unha transformación de negocio e da organización), que se celebra o mércores 18 de decembro ás 19.00 horas no Hotel Sercotel Odeón de Narón. A xornada conta con financiamento da Deputación da Coruña.
No transcurso da sesión amosaranse varios exemplos de transformación e das principais consecuencias de adoptar un plan empresarial para levala a cabo. Asemade, porase o foco en como están a afectar as tecnoloxías ás empresas da nosa contorna, avaliando a natureza dos cambios e vendo até que punto muda o xeito de organizar aquelas e xestionalas.
A xornada será presentada polo presidente da AEF, José Ramón Franco. A primeira parte da sesión estará enfocada a falar da tecnoloxía en si mesma. Miguel Vidal (CTO da startup ferrolá Ártabro Tech) abordará os cambios que se están a producir e os que están por vir, así como a maneira en que estes avances van afectar ás firmas non tecnolóxicas. Na segunda parte, Eugenia Juncal (directora de Área do Grupo Atlante) avaliará os xeitos de afrontar esta transformación desde o punto de vista das persoas e das estruturas organizativas. Segundo informa a organización do evento, os dous relatores sitúanse entre os máximos referentes da aplicación das novas tecnoloxías no ámbito empresarial galego. Ao finalizar o evento, desenvolverase a Copa de Nadal da AEF.

PUBLICIDADE