A transformación e a sustentabilidade centrarán o V Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial

luns, 27 de xuño do 2022 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) organiza este mércores 29 de xuño a quinta edición do Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial en Galicia, un evento para conmemorar o Día Muncial do Deseño Industrial que terá formato híbrido presencial-virtual: fisicamente dende o CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) e coa opción de podermolo seguir en streaming.
A cita está aberta a profesionais do deseño de todas as áreas de especialización (gráfico, estratéxico, de espazos, dixital, de moda e industrial e de produto), estudantes e representantes de empresas e outras entidades interesadas en potenciar o deseño como ferramenta de innovación, competitividade e sustentabilidade nas súas organizacións.
“Nesta edición”, informa GAIN, “ponse o foco no deseño como elemento de transformación capaz de facilitar a innovación nas pemes no marco dos obxectivos de desenvolvemento sustentábel”.
Os asistentes terán ocasión de coñecer a experiencia de empresas galegas que xa están a desenvolver proxectos de aplicación do deseño estratéxico grazas ao apoio do Programa DeseñaPEME da Xunta de Galicia.
Os relatorios estruturaranse en tres bloques:
-Futuro dixital e desenvolvemento sustentábel.
-O rural como motor empresarial e de innovación.
-Economía circular e creativa.
O abeírase ás celebracións do Día Mundial do Deseño Industrial. No seu transcurso, media ducia de empresas galegas beneficiarias do programa DeseñaPEME expoñerán a súa experiencia na incorporación do deseño como ferramenta de innovación e competitividade
Visión práctica
As persoas participantes terán acceso a “unha visión práctica e aplicada sobre o tema” a través, como dixemos, das experiencias de empresas galegas que xa están desenvolvendo proxectos grazas ao apoio do dito programa de GAIN. Star Electrónica e MRF intervirán como casos de éxito no ámbito do futuro dixital e o desenvolvemento sustentábel. A-vida by Idoia Cuesta e Granja Campomayor explicarán de que maneira están a aproveitar as especificidades do rural como vantaxes para a innovación e a competitividade. Pola súa banda, Veigas de Sabugueiro e Calor Color expoñerán tamén os seus proxectos de aplicación do deseño á economía circular e creativa.
A visión empresarial completarase co relatorio de Carlota Corzo, confundadora de Lázzaro, sobre a transparencia, a seguridade e a rastrexabilidade (trazabilidade) a través do deseño dixital.
As persoas que asistan presencialmente terán ocasión de visitar o stand que a Axencia Galega de Innovación presentou no festival Imperdibles da Fundación Cotec, celebrado en Segovia, no que se amosa unha selección de materiais creados na contorna rural galega.
Serán expostas as propostas textís de RIR & Co, Io Morales e Tsubaki Diseño; os xardíns verticais e os materiais de construción a base de pedra reciclada de NorPromenade e Mámoa Deseños Vivos; os xabóns artesanais e as esponxas naturais de Mar de Miranda e Ibérica de Esponjas Vegetales; e os utensilios de cociña, as vigas de madeira sostibles e os materiais obtidos de residuos da industria forestal creados por Atalanta Madera, Timbersoul by Cándido Hermida e Betanzos HB.
Asemade, poderase apreciar a cestería e o mobiliario urbano feito a partir de residuos de Idoia Cuesta e Cholita; os zocos e os parches para instrumentos musicais de Eferro e Landra Típica; e os abonos ecolóxicos a partir de cuncha de mexillón e as mallas compostábeis de Ecocelta e Ecoplas Barbanza.
A cita está aberta á inscrición para profesionais do deseño de todas as áreas de especialización (gráfico, estratéxico, de espazos, dixital, de moda e industrial e de produto), estudantes e representantes de empresas e outras entidades interesadas en potenciar o deseño como ferramenta de innovación, competitividade e sustenbatilidade nas súas organizacións.
A inscrición tanto para asistir de forma presencial como para seguir o evento en streaming pode formalizarse dende a Rede.

PUBLICIDADE