A transversalidade das redes sociais fíxose evidente na segunda edición do Foro Unirede
luns, 29 de outubro do 2012
O pasado sábado a Facultade de Ciencias da Comunicación de
Santiago de Compostela serviu de marco para a segunda
edición do Foro Unirede, encontro que demostrou unha vez máis a
transversalidade das redes sociais, que están moi lonxe de ser un ámbito meramente
tecnolóxico, de aí que se abordase tanto con obradoiros técnicos como con
presentacións nas que se deron a coñecer casos de éxito e boas prácticas, así
como se deu a oportunidade á nosa publicación a expor a súa historia e
filosofía aos presentes.
A sesión matinal do Foro Unirede botou a andar co relatorio máis técnico da
xornada, coa consultora Clara Ávila
empregando a figura do hipster como
desculpa para facer un repaso da situación das distintas plataformas de redes
sociais existentes, que van máis aló de Facebook e Twitter, e os seus distintos
usos, insistindo no feito de que hai que elixir plataforma segundo os nosos
obxectivos e ao público ao que queremos chegar.
Colleu o relevo Blanca Zayas,
responsable de comunicación de TripAdvisor, que explorou os enormes cambios que
están a supor a Internet e as redes sociais ás viaxes e á contratación de
servicios para as mesmas, o que afecta de xeito drástico tanto a usuarios como
a hoteis e axencias de viaxes.
- O proxecto de Sentinel Wardrobe ilusionou aos presentes coa súa orixinalidade
Tras un pequeno descanso, comentouse a traxectoria de Código Cero durante os
últimos case 11 anos, e pasouse despois a deixar que os responsables dos
proxectos Tekuidamos, Sabor a Vida, Nyxstyle e Sentinel Wardrobe falasen das súas
iniciativas apoiadas na Rede, á vez que a escritora Elena Gallego Abad comentou o seu
proxecto de literatura xuvenil que decidiu apoiar nas redes sociais para achegalo
ao seu público obxectivo.
A sesión de tarde do encontro comezou cun divertido relatorio de Roberto Pérez Marijuán sobre neuromarketing, explicando os
fundamentos desta disciplina para explicar como pode tirarse proveito da
mesma na web.
- Obradoiro de Saúde 2.0 celebrado dentro do Foro Unirede
Para rematar a xornada, e poder dar cabida a unha grande diversidade de
contidos, os asistentes repartíronse en 5 obradoiros distintos, que abordaban o
Turismo e a Gastronomía, as Industrias Culturais (que rematou converténdose
nunha especie de café literario), a Moda e as Tendencias, a Saúde 2.0 e a
Comunicación e a Tecnoloxía.
Este último obradoiro contou co blogueiro David Serantes como moderador, e serviu
para pór en coñecemento dos presentes os eventos mensuais LaconNetwork, as
posibilidades do web:tv de Blusens, a solución de impresión baixo demanda
Meubook (que incluso pode empregarse dende o mencionado web:tv), o uso que o
programa da Radio Galega Come e Fala
fai das redes sociais para estar en contacto coa súa audiencia, o papel que
xogan actualmente os gabinetes de comunicación (desde os que se
defendeu que si se fai xornalismo) e o rol que están
a tomar os blogueiros como produtores de contidos (evitando caer no
improdutivo debate sobre o xornalismo cidadán).
Completouse así un completo
programa de actividades, no que as redes sociais fixeron de fío condutor,
dando cabida a numerosos temas de interese sobre os que abrir o debate.
- O obradoiro de Comunicación e Tecnoloxía contou con David Serantes como moderador
- Josuke presentou a LaconNetwork como unha iniciativa social que dinamiza o sector TIC galego
- José Manuel García explicou o xeito no que as redes sociais revolucionaron o seu programa de radio
- O servizo de Meubook incluso pode empregarse dende un web:tv
- O evento chegou a ser Trending Topic a nivel español