A triloxía de Crash Bandicoot terá secuela no outono

luns, 22 de xuño do 2020 Marcus Fernández

O carismático Crash Bandicoot volve tras máis de 10 anos cunha aventura totalmente orixinal, Crash Bandicoot 4: It’s About Time, xogo que o vindeiro 2 de outubro sairá á venda para PS4 e Xbox One continuando a triloxía orixinal que tanto éxito tivo na súa recente remasterización.
Nesta nova aventura Crash, Coco e compaña viaxarán a través do espazo e do tempo para deter a Neo Cortex, Dr. N. Tropy e outros malvados inimigos para que non consigan dominar todo o multiverso. O xogo presenta un estilo artístico completamente novo e tamén innova en mecánicas e habilidades, permitindo cambiar entre os modos de xogo modernos e retro, facendo así que sexa un título apto tanto para afeccionados veteranos como para xogadores novos.
Unha das novidades de Crash Bandicoot 4 son as máscaras cuánticas, uns poderosos gardiáns do espazo-tempo que outorgarán a Crash e Coco poderes para alterar as leis da realidade e superar obstáculos perigosos de formas emocionantes. Por exemplo, a máscara do tempo permitirá que o tempo se mova máis amodo para realizar movementos moi precisos, mentres que a máscara da gravidade permitirá percorrer plataformas do revés.
O xogo xa está dispoñible en reserva para Xbox One e PlayStation 4, premiándose as compras anticipadas cos aspectos Flipa en cores dos personaxes protagonistas.

As reservas prémianse con aspectos para Crash e Coco

Tráiler de Crash Bandicoot 4: It’s About Time

PUBLICIDADE