A triloxía de GTA III podería chegar remasterizada no outono

venres, 13 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Tras meses de rumores e especulacións dende Kotaku terían contrastado que Rockstar Games estaría a traballar na remasterización de entregas clásicas da saga Grand Theft Auto, concretamente a triloxía composta por Grand Theft Auto III, Grand Theft Auto Vice City e Grand Theft Auto San Andreas, títulos dos tempos da PlayStation 2 que serviron para consolidar unha franquía que con GTA V chegou a un nivel tan elevado que 8 anos despois do seu lanzamento consegue manterse en posicións líderes nas listaxes de vendas, ou sexa, que correspondendo á xeración da PlayStation 3 o seu pulo chegou até a PlayStation 5.
Dende Kotaku aseguran que as rematerizacións estarían a desenvolverse utilizando Unreal Engine e mesturando gráficos novos e vellos, aplicando tamén cambios á interface de usuario, de xeito que veríamos os xogos debidamente actualizados para que poidan xogarse con dignidade en máquinas actuais. O traballo correría a cargo do estudio Rockstar Dundee, con sede en Escocia, e nacido dun estudio adquirido por Rockstar que traballara en títulos como Crackdown 2, Crackdown 3 e Halo The Master Chief Collection.
Ao parecer, os plans de Rockstar eran regalar estas remasterizacións aos xogadores que se fixesen coas versións para consolas de nova xeración de GTA V e GTA Online, pero o impacto da COVID-19 tería mudado o calendario da compañía, e agora coméntase que poderían ver a luz en novembro con versións para PS4, PS5, Xbox One, Xbox Series X|S, Nintendo Switch e Stadia, para chegar máis adiante a PC e móbiles. O máis probable é que esteamos ante un produto que só poida adquirirse en formato descargable.

PUBLICIDADE