A triloxía orixinal de Crash Bandicoot chega a PS4

venres, 30 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Aínda que a franquía non fose exclusiva de Sony, unha das sagas máis representativas da primeira PlayStation foi a triloxía orixinal de Crash Bandicoot, e para os nostálxicos que queiran recuperala ou para os que nin se quera a coñecesen, chega agora Crash Bandicoot N. Sane Trilogy, unha recompilación dos xogos Crash Bandicoot, Crash Bandicoot 2: Cortex Ataca de Nuevo e Crash Bandicoot 3: Teletransportado nas súas versión remasterizadas para a alta definición, nas que os xogadores poderán optar por superar as numerosas fases manexando a Crash ou á súa irmá Coco.
Para celebrar este lanzamento decidiron publicar as 47 cancións da remasterización da banda sonora do xogo en Spotify, de xeito que os seareiros de Crash poden gozar dos temas de Vicarious Visions Audio totalmente de balde.
Estes xogos nacidos nos anos 90 conservan a súa frescura e ofrecen máis dun cento de niveis que explorar e, por primeira vez, permitirán que os xogadores poidan compartir as súas puntuacións a través de taboleiros en liña.
A versión dixital de Crash Bandicoot N. Sane Trilogy pode mercarse a partires de hoxe a un prezo de 39,99 euros.

JPEG - 146.4 KB
Os gráficos do xogo adaptáronse da primeira PlayStation á alta definición da PS4
JPEG - 128 KB
Por primeira vez os xogadores poderán elixir entre superar os maís de 100 niveis do xogo con Crash ou coa súa irmá Coco.

Tráiler de Crash Bandicoot N. Sane Trilogy

PUBLICIDADE