A unidade mixta de Coren, Sertogal e a Uvigo incorporará tecnoloxías dixitais avanzadas ás granxas

martes, 14 de abril do 2026 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá a planta do grupo Coren en Ourense para coñecer de primeira man o proxecto de investigación alimentaria que desenvolverán de forma conxunta a Universidade de Vigo e a empresa Sertogal. A iniciativa, denominada Sostenave, configúrase como unha nova unidade mixta de investigación á que a Xunta de Galicia destina 1,8 millóns de euros e que apostará pola incorporación de tecnoloxías dixitais avanzadas ás granxas e pola optimización dos procesos produtivos co obxectivo de mellorar a sustentabilidade e a calidade da avicultura de carne galega.
Durante a visita, o conselleiro puxo en valor o avance que supoñen as alianzas entre empresas e universidades galegas no ámbito da I+G+i, subliñando que contribúen a situar a ciencia feita en Galicia nunha posición de vangarda. Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, salientou tamén o papel desta liña de axudas á hora de favorecer a transferencia de coñecemento desde os centros de I+D cara ao tecido empresarial, reforzar a competitividade das empresas e potenciar as capacidades dos organismos de investigación.
No encontro participaron tamén o conselleiro e controller do Grupo Coren, Alberto Requejo; a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, María Belén Rubio Armesto; o vicerreitor do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo; e o director de Sertogal, Sergio Rodríguez.
A unidade mixta Sostenave conta cun orzamento global próximo aos 4,4 millóns de euros e forma parte das sete novas iniciativas aprobadas na última convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia. Neste contexto, Román Rodríguez lembrou que desde 2014 a Xunta apoiou xa 64 unidades mixtas, nas que participaron 52 empresas e 16 centros de coñecemento galegos, mobilizando máis de 180 millóns de euros.
O proxecto aposta por unha colaboración público-privada orientada a abordar de maneira integral os principais retos do sector, desde a nutrición e o manexo nas granxas ata o procesado e a valorización de subprodutos. A iniciativa incorpora ademais criterios de economía circular, eficiencia enerxética e uso de tecnoloxías dixitais avanzadas. O seu obxectivo é reforzar a competitividade e a resiliencia do sector agroalimentario galego, contribuíndo á descarbonización, ao uso eficiente dos recursos e á produción de alimentos máis seguros, saudables e de maior valor engadido.
Sostenave contará coa participación do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación e do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais da Universidade de Vigo, que lidera o consorcio. Pola súa banda, Coren exercerá como motor industrial, achegando contornas reais de validación e garantindo a aplicabilidade dos resultados, mentres que Sertogal contribuirá coa súa experiencia en solucións de dixitalización e modelización avanzada aplicadas ao ámbito industrial e agroalimentario.

11 millóns de euros para impulsar dez unidades

A visita institucional coincide coa publicación da resolución da nova convocatoria desta liña de axudas, que permitirá a creación de sete novas unidades mixtas e a evolución de tres xa existentes. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destaca que este investimento público de 11 millóns de euros mobilizará máis de 27,6 millóns de euros de capital público-privado.
Os proxectos desenvolveranse en sectores considerados estratéxicos, como a saúde, a alimentación, a enerxía, a mobilidade sostible, a acuicultura ou o naval. Esta liña enmárcase no programa Activa I+G+i, orientado a fomentar a colaboración empresarial e a transferencia efectiva de resultados, ao que a Xunta destina máis de 41 millóns de euros a través de distintas convocatorias: Nexos (22,6 millóns de euros), fortalecemento de centros tecnolóxicos (6 millóns), recuperación de excelencia Neotec (1,6 millóns) e unidades mixtas de investigación (11,05 millóns).