A universidade na Sociedade do Coñecemento, a debate estes días en Compostela

xoves, 9 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

O futuro non se fai por si só, e o da ensinanza non é unha excepción á regra. Menos aínda se temos en conta que a educación vai cada vez máis ligada a elementos tan variables e impredecibles como as novas tecnoloxías da información. Albiscar cara a onde se dirixe esta mestura de coñecemento e tratar, no posible, de encamiñala cara a situacións que beneficien a toda a sociedade é o obxectivo da xuntanza internacional que se está a celebrar estes días en Santiago.
O encontro, que reúne a especialistas de diversos países debatendo sobre o que vai dar de si a Universidade na sociedade dixital (globalizada e suxeita a crises como a que estamos a vivir e da que non se ve aínda a recta final), desenvólvese na Facultade de Ciencias da Educación da USC.
O seu obxectivo, en palabras dos organizadores, é abrir unha discusión “que axude a comprender o papel da universidade na sociedade dixital, nun intre de cambio da estrutura universitaria en España por mor da implantación do Plano Bolonia”.
A xuntanza non se limita a avaliar o papel da educación superior española, senón que tamén abrangue os eidos europeo e latinoamericano.
O encontro Universidade e Sociedade do Coñecemento, que contaba este xoves coa presenza de investigadores como o británico Ronald Barnett (especialista en didáctica e autor de varios libros críticos co ensino superior), prosegue o venres coa intervención do mexicano Imanol Ordorika, que busca propostas alternativas e orixinais ás estruturas educativas na actualidade, e a partir das 12:00 terá lugar unha mesa redonda titulada Investigacións desde a RED UNISIC. A situación das universidades iberoamericanas fronte á economía do coñecemento.
Segundo informa a USC, a análise dos participantes permitirá incidir no contexto das universidades iberoamericanas e os desafíos que implica a nova orde económica e social actual; a identificación das liñas de investigación que faciliten a comprensión, a avaliación e a toma de decisións sobre o papel da universidade no comezo do século XXI; o exame das relacións entre política, investigación e práctica educativa, e, por último, as demandas formativas neste contexto de complexidade e como se poden concretar no currículo do universitario.
O seminario está organizado pola rede Universidade e Sociedade da Información e do Coñecemento (UNISIC).

PUBLICIDADE