A veciñanza da Cañiza fórmase en TIC en dous cursos formativos

luns, 28 de xullo do 2025 S. P.

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, clausurou o pasado 26 de xullo o curso de Competencias Dixitais DixiGal – Nivel Intermedio. Fíxoo nun acto celebrado na Aula CeMIT da Casa de Cultura, no que se fixo entrega dos diplomas ao alumnado participante. O acto estivo presidido polo rexedor, quen destacou “a importancia da formación dixital como ferramenta clave para a inclusión, a empregabilidade e o desenvolvemento persoal a sociedade”.
Este curso desenvolveuse de forma presencial e totalmente gratuíta entre o 27 de marzo e o 10 de xullo de 2025, cun horario de luns a venres, de 9:00 a 14:00 h, e enmarcado dentro do marco europeo de competencias dixitais.
O proxecto DixiGal, dirixido a persoas en situación de desemprego e pertencentes a municipios de menos de 30.000 habitantes, forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
O nivel intermedio constou de 200 horas de formación, repartidas en cinco módulos: Busca e xestión da información dixital, Creación de contidos dixitais, Comunicación e colaboración con ferramentas dixitais, Resolución de problemas no entorno dixital e Seguridade e civismo no entorno dixital.
Durante a clausura, entregáronse os diplomas ás persoas que completaron con éxito o itinerario formativo, recoñecendo así o seu esforzo e compromiso ao longo destes meses.
O alcalde tamén participou na clausura do curso de competencias dixitais para maiores e entrega de diplomas. Esta formación en alfabetización informática, de 40 horas de duración, tivo lugar durante o mes de xuño na Aula CeMIT da Casa da Cultura e estivo dirixida principalmente a xubilados e pensionistas. O curso comezou o martes 10 de xuño de 2025 e desenvolveuse en horario de luns a xoves, de 16:00 a 19:00 horas. A formación foi completamente gratuíta e as prazas estaban limitadas a 15 participantes.
Ao longo das sesións, os alumnos e alumnas tiveron a oportunidade de familiarizarse co mundo da informática e mellorar as súas competencias dixitais. Aprenderon conceptos básicos de Windows, como funciona Internet, crearon o seu propio correo electrónico, utilizaron ferramentas de chat e mensaxería instantánea, e exploraron foros, blogs e espazos en liña. Tamén tiveron a oportunidade de buscar ofertas de viaxes adaptadas ás necesidades das persoas maiores.