A veciñanza de Ames terá á súa disposición unha vintena de cursos TIC

venres, 14 de setembro do 2018 Redacción

JPEG - 87.4 KB
Unha das anteriores actividades formativas celebradas na aula CeMIT de Ames

O Concello de Ames vén de dar a coñecer a programación formativa local, formación TIC, para este trimestre (semestre, outubro e novembro), materializada a través da súa aula CeMIT e constituída por un variado paquete de obradoiros, cursos, charlas, exames e seminarios, todos co nexo común de mostrar algunha (ou varias) das vantaxes e potencialidades das TIC para o quefacer diario da cidadanía e para mellorar a súa empregabilidade. Trátase dunha vintena de actividades dirixidas tanto a persoas adultas como a crianzas.
Segundo informa o Concello para obter máis información ou para reservar praza nalgunha destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da web cemit.xunta.gal/gl/centro/9, achegándose á aula CeMIT situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.
As actividades deste mes de setembro comezarán cun exame EMA, unha proba presencial indispensábel para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT. A cita será este 14 de setembro, entre as 12.00 e as 13.00 horas. Asemade, o venres 19 de outubro, tamén se realizará outra convocatoria deste mesmo exame.
A seguinte actividade programada terá lugar tres días despois, o 17 de setembro, que consistirá nunha charla de Comercio electrónico e medios de pago seguro, impartida pola Escola Galega de Consumo. Ao longo deste seminario explicaranse os pasos a seguir para facer compras na Internet dun xeito seguro, así como os aspectos máis importantes para evitar fraudes, como a identificación de páxinas seguras, os distintos medios de pago e a posibilidade de abandonar a compra, entre outros. Ademais, tamén se analizarán os dereitos específicos das persoas consumidoras no caso das compras a distancia.
Por outra banda, realizaranse dous cursos destinados a maiores de idade. O primeiro deles será Edición de imaxes, que se impartirá entre o 20 e o 28 de setembro, os xoves e venres, en horario de 10.30 a 12.00 horas. Este curso ten como obxectivo introducir aos usuarios na edición de fotografía dixital, tanto en software libre (GIMP) coma en webapps (Pixlr Editor) até acadar un coñecemento transversal da materia.
Do 16 ao 25 de outubro impartirase outro curso para adultos, que leva como título Administración electrónica: introdución ás súas posibilidades. Segundo informa o Concello, estará adicado á Administración Electrónica, emprestando atención ao eDNI ou aos certificados dixitais, pasando por sistemas de identificación sinxelos como cl@ve ou chave365. Do mesmo xeito, os usuarios tamén poderán familiarizarse coa sede electrónica do Concello de Ames e a servizos como eSaúde.
Polo que se refire ao ciclo de ofimática, está formado por cinco cursos (LibreOffice Writer I, LibreOffice Writer II, LibreOffice Calc I, LibreOffice Calc II e LibreOffice Impress) que abranguen a base da ofimática, dende o procesador de textos ata as presentacións, pasando polas follas de cálculos. O Concello lembra que estes cursos non só están destinados para aquelas persoas que queiran superar as probas CODIX, senón tamén para aqueles que precisen estas ferramentas na súa vida diaria ou sintan inquedanza por ter un bo manexo delas.
Cursos para menores
A programación para menores incluirá dous cursos de mecanografía a desenvolver entre os días 2 de outubro e o 18 de decembro, o primeiro para cativos de menos de dez anos (en horario de 18.15 a 19.00 horas) e o segundo para nenas e nenos de máis de 10 (de 19.00 a 19.45 horas). Por outra banda, Introdución á Informática para menores de 10 anos será o curso que se levará a cabo todos os xoves, do 4 de outubro ao 20 de decembro, en horario de 18.15 a 19.45 horas. Nesta ocasión, buscarase que as rapazas e rapaces que non teñen experiencia no uso do ordenador se familiaricen co sistema operativo, o procesador de textos e o uso de Internet.
Por último, ao longo destes meses, Ágora Tecnoloxía en colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), ofrecerá cinco seminarios sobre o uso do teléfono móbil: Aprende a usar o teléfono intelixente (19 de setembro, de 10.30 a 12.00), Apps interesantes que non deben faltar no teu smartphone (26 de setembro, no mesmo horario), Fotografía co teu teléfono intelixente (o 15 de outubro entre as 10.30 e as 12.00 horas), o obradoiro Facebook (o 24 de outubro no mesmo horario) e Apps para adestrar a túa memoria (o día 31 de outubro, de 10.30 a 12.00 horas).

PUBLICIDADE