A veciñanza de Antas de Ulla conta cun espazo de informática grazas á remodelación do Cuartel da Garda Civil

luns, 27 de maio do 2024 S. P.

O Concello de Antas de Ulla xa rematou a primeira fase da mellora da antiga Casa Cuartel da Garda Civil, tras pechar a súa compra co Ministerio do Interior. O prezo da adquisición foi de 78.000 euros, que a Administración local poderá pagar en dez anos. “Gañamos un novo inmóbel para uso municipal e social e dámoslle vida a un edificio de referencia no concello”, sostén a alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto.
En concreto, a antiga Casa Cuartel terá locais para as asociacións culturais do concello e unha zona para servizos municipais, con espazos para a organización de actividades, cursos e charlas.
O Concello xa acondicionou unha das alas do inmóbel, onde está a día de hoxe a biblioteca, despois de levar a cabo as reformas eléctricas necesarias e a instalación de calefacción nas zonas de usos comúns.
O inmoble ten xa tamén Internet e un equipamento de computadores conectados ao servizo da veciñanza. As melloras continuarán nos vindeiros meses, incluíndo o acondicionamento do xardín e a parcela que rodea a edificación.

O inmoble conta cun equipamento de computadores conectados ao servizo da veciñanza