A veciñanza de Covelo ten ao seu dispor tecnoloxía de satélite para cubrir zonas de sombra

luns, 15 de xullo do 2024 S. P.

O Concello de Covelo (Pontevedra) emitiu un comunicado no que informa á veciñanza das solucións ás que pode optar para o caso de que non teñan posibilidade de desfrutar do servizo de fibra óptica ou conexión a Internet de alomenos 50 Mbps. Para estes fogares, o Concello sinala que poderán solicitar o servizo de Hispasat que ofrece banda larga por satélite de calidade.
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, participou nos encontros informativos organizados pola Subdelegación do goberno do Estado en Galicia co obxectivo de poder ofrecer novos servizos ou mellorar os existentes. Segundo vén de explica ro rexedor, no marco do programa Único-Demanda Rural do Goberno do Estado a cidadanía pode optar a este servizo que ten un custo de 35 euros/mes IVE incluído de tarifa plana. A instalación subvenciónase ata 600€ e a persoa usuaria pode darse de baixa en calquera momento sen prazos de permanencia. A velocidade de baixada é de 200 Mbps, con 150 GB mensuais de descarga (libre en horario nocturno) e ofrecendo unha tecnoloxía de alta resiliencia e fiabilidade e doada instalación cunha antena parabólica, cableado e un router.